O pacto territorial de emprego de Lugo nace coa misión de planificar políticas por valor de 37 millóns de euros en 2008

Luns, 24 de decembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Un total de 38 concellos da zona centro da provincia tomarán parte no proxecto, que ten como obxectivo incrementar a xestión coordinada dos recursos públicos que se destinan a políticas laborais

O Pacto Territorial de Lugo cubrirá unha poboación de 220.000 persoas, con 89.000 traballadores e menos de 10.000 parados

Santiago, 21 de decembro de 2007.- O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, presidiu esta mañá a sesión constitutiva do Pacto Territorial de Emprego de Lugo, que nace coa misión de planificar políticas laborais por un valor aproximado de 37 millóns de euros en 2008. Alcaldes e representantes municipais dos 38 concellos da zona centro da provincia, xunto con responsables sindicais e empresariais da devandita área, suscribiron hoxe o primeiro dos catro Pactos Territoriais de Emprego que a Consellería de Traballo impulsará de forma inmediata, para posteriormente desenvolver outros 11 ao longo de 2008 e dar así cobertura con esta fórmula participativa a todo o territorio galego.

Na apertura da gran xuntanza que tivo lugar no Centro de Empresas e Innovación participaron o alcalde de Lugo, José López Orozco; o secretario xeral de CCOO de Lugo, Jesús Ángel Castro Baamonde; o secretario xeral de UGT-Galicia de Lugo, Manuel Enrique Chaín Fernández; e o vicepresidente da Confederación de Empresarios de Lugo, David Manuel García Vilela. Todos eles actuaron como portavoces das entidades que dan sustento a este proxecto, que nace do Novo marco de relacións laborais en Galicia: Acordo polo Emprego, froito do proceso de Diálogo Social que coordina a Consellería de Traballo dende novembro de 2005.

O conselleiro de Traballo subliñou que este documento, asinado pola Xunta, a Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos CCOO de Galicia e UGT-Galicia establece “a necesidade de implicar aos representantes dun ámbito territorial para que aporten os seus coñecementos e experiencias”. Aclarou que un Pacto Territorial é un instrumento de participación da Administración local e dos axentes económicos e sociais nas políticas de emprego da Consellería de Traballo.

Coa posta en marcha deste sistema, argumentou, queda completada unha estrutura de participación que garante a consecución do obxectivo que necesita Galicia: converxer en termos de emprego con Europa. Así pois, os Pactos Territoriais de Emprego complementarán o traballo do Comité Autonómico de Emprego e dos Comités Provinciais de Emprego (foros con participación da Administración e dos axentes sociais que se reúnen con carácter periódico para analizar criterios e medidas de emprego).

Agora os Pactos Territoriais de emprego, dixo Ricardo Varela, supoñen esencialmente “un incremento e unha planificación e xestión coordinada dos recursos públicos que se destinan ao emprego nunha zona”. Subliñou que deben contar cunha suficiente “masa crítica” e aproveitar “ao máximo” a proximidade dos axentes locais. Neste sentido, destacou que o pacto lucense actuará sobre unha poboación dunhas 220.000 persoas, con 89.000 traballadores e traballadoras e menos de 10.000 parados.

Misións do Pacto Territorial de Emprego
O titular de Traballo da Xunta explicou aos alcaldes e representantes sindicais e empresariais asistentes as misións que ten cada Pacto Territorial de Emprego. En primeiro lugar, dixo, debe realizar unha análise das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas do territorio en cuestión no ámbito do emprego. Posteriormente, definir un plan de emprego “claro, coherente e estratéxico”.

A continuación, proseguíu Varela, o Plan Territorial de Emprego debe mobilizar e desenvolver a capacidade dos axentes que traballan conxuntamente. Por último, puntualizou, debe promover a equidade de xénero no eido local.

Obxectivos estruturais do pacto lucense
Na derradeira parte da súa intervención, o conselleiro de Traballo indicou que pese ao aumento de 7.620 novos afiliados á Seguridade Social nos dous últimos anos (suba dun 9,4%), o Pacto Territorial de Emprego de Lugo conta na actualidade cunha media anual de poboación afiliada de 88.719 persoas. Isto supón, precisou, que soamente 4 de cada 10 persoas están afiliadas.

Por outro lado, analizou, a pesar da redución de 2.462 parados nos últimos dous anos, o conxunto dos concellos que compoñen o pacto contan cunha media anual de paro de 9.473 desempregados rexistrados, dos que un 60% son mulleres e un 25% menores de 30 anos.

Asemade, engadiu, pese ao incremento da contratación indefinida de 2.618 persoas máis con contrato estable (aumento dun 51% en relación con dous anos antes), a porcentaxe de contratos indefinidos sobre o total da contratación é soamente dun 14,9%.

A mellora destas cifras constitúe a principal tarefa estrutural do Pacto Territorial de Emprego de Lugo,que ademais deberá informar o conxunto de solicitudes de políticas activas que se presenten para esta área.

Desenvolvemento desta fórmula en toda Galicia
A posta en marcha dos Pactos Territoriais de Emprego implicará manter activas 15 mesas de Diálogo Social en materia de emprego. A medio prazo, cada un dos pactos contará co seu propio plan de emprego. A xuízo da Consellería de Traballo, isto, sumado á análise da situación laboral provincial e autonómica, suporá unha planificación das necesidades de mercado de traballo de Galicia de maneira ascendente.

A xeralización dos pactos, que iniciarán a súa andaina en Lugo, na Costa da Morte, na comarca de Valdeorras e no Salnés, é un dos instrumentos claves para o cambio do modelo de Servizo Público de Emprego.

Á hora de facer a distribución territorial destas medidas agrupáronse os concellos da Comunidade Autónoma en 15 zonas, en función dos desprazamentos que realizan os traballadores entre un concello e outro para acudir ata o seu centro de traballo. Cinco Pactos Territoriais de Emprego pertencerán á provincia da Coruña (Barbanza, Coruña, Costa da Morte, Ferrol e Santiago), 3 á provincia lucense (Lemos, Lugo e A Mariña), 3 á provincia de Ourense (Limia Ourense e Valdeorras) e, por último, na provincia de Pontevedra desenvolveranse 4 (Deza-Tabeirós, Pontevedra, O Salnés e Vigo).

A Consellería de Traballo contará cun 30% de representatividade de cada pacto, ao igual que os concellos da área correspondente. A representación empresarial e sindical suporá, de xeito equitativo, un 40%. Cada pacto contará cunha entidade xurídica propia, que lle permitirá manter relacións coas diferentes administracións.

Esta iniciativa supón unha aposta clara da Consellería de Traballo pola participación e o diálogo permanente.

Noticias relacionadas