O obradoiro TIC Arqueolóxico consolida a Lugo como referente na difusión e xestión do patrimonio a través das novas tecnoloxías

A Alcaldesa e o delegado da Xunta na provincia clausuraron e entregaron os diplomas da acción formativa, durante a que os 13 participantes dixitalizaron medio milleiro de pezas arqueolóxicas, das que preto de 200 integran un catálogo virtual que se poñerá a disposición da cidadanía a través da web do Concello

Martes, 14 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
  O obradoiro TIC Arqueolóxico consolida a Lugo como referente na difusión e xestión do patrimonio a través das novas tecnoloxías

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, presidiu este martes no patio central do Vello Cárcere o acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego TIC Arqueolóxico, que, ademais de mellorar as posibilidades de inserción laboral dos 13 alumnos-traballadores participantes cunha formación teórico práctica de 9 meses, contribuíu a consolidar a Lugo como referente na difusión e xestión do patrimonio cultural aproveitando as posibilidades das novas tecnoloxías. De feito, este é o quinto obradoiro de emprego centrado neste eido que se desenvolve no concello.

No acto, no que tamén estivo presente a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, Alcaldesa subliñou que os obradoiros son exemplo “de que a colaboración institucional sempre redunda beneficiosamente na cidadanía, sobre todo nun eido coma este, a inserción laboral”. Méndez puxo en valor a innovación ou valor engadido que sempre caracterizan as propostas de obradoiro do Concello, co dobre obxectivo de formar nos sectores con máis futuro en Lugo, como o turismo ou a xestión cultural e patrimonial, e de valorizar e difundir os inmensos recursos patrimoniais do municipio de maneira dinámica e atractiva, utilizando para elo as novas tecnoloxías.

A rexedora recoñeceu o “excepcional e intenso” traballo e a “implicación” do alumnado, dirección e profesores do obradoiro, e do arqueólogo municipal, Enrique González, desexando aos participantes que esta iniciativa lles sirva para insertarse no mercado laboral e poñendo en calquera caso á súa disposición todos os recursos que ten o Concello neste eido, pois a creación de emprego, aínda non tendo as competencias, que son da Xunta, é unha prioridade para o Goberno. “A día de hoxe hai 6.053 veciños e veciñas de Lugo sen un posto de traballo, case o 60% deles mulleres, polo que nos queda moito por facer”.

Neste senso, lembrou que o Concello ten unha consignación para emprego de 3M€ nos Orzamentos deste ano e continuamente traballa para atraer iniciativas e investimentos para seguir xerando oportunidades laborais. Neste senso, mostrou a súa confianza en que a Xunta conceda ao Concello os dous novos obradoiros que ten solicitado: InteracTICvate e Fórum 4.0, dirixidos unha vez máis á difusión do patrimonio a través das novas tecnoloxías.

Os contidos

A formación e traballo do alumnado do TIC Arqueolóxico, coordinado por dous profesores e o director, Manuel Barreiro, ademais do arqueólogo do Concello, centrouse en dúas vertentes. Por unha banda, nunha ampla e intensa labor de dixitalización en 3D de pezas arqueolóxicas achadas nas escavacións realizadas na cidade, en torno a medio milleiro, para o cal foi necesaria a realización de máis de 20.000 fotografías. Mostra da ardua tarefa que desenvolveron é que para proceder á elaboración do modelo 3D dunha soa peza foron necesarias ata 80 fotografías, dependendo da súa complexidade. Tamén se revisaron máis de 10.000 pezas arqueolóxicas coa finalidade de identificar e seleccionar as máis significativas, que á súa vez foron dixitalizadas.

En base a este traballo, elaborouse un catálogo virtual con preto de 200 pezas arqueolóxicas, presentado no acto celebrado hoxe polo arqueólogo do Concello e un dos profesores do obradoiro, Rubén Pintor, e que se poñerá a disposición da cidadanía a través dun enlace na páxina web do Concello (www.lugo.gal). Os vestixios recollidos representan aqueles aspectos máis destacados do Lugo romano e que, polo tanto, son testemuño da sociedade que as creou e utilizou. Son pezas procedentes fundamentalmente dos fondos do depósito da Xunta de Galicia que custodia o Concello de Lugo, a través do Servizo Municipal de Arqueoloxía; pero tamén conta con algunhas pezas depositadas no Museo Provincial ou no Museo Diocesano Catedralicio, e inclúe así mesmo algún elemento relacionado cos vestixios arqueolóxicos da cidade (piscina de Santa María) ou da súa contorna (Monumento de Santa Eulalia de Bóveda).

Este catálogo permite conservar replicas dixitais das pezas arqueolóxicas para a elaboración dun repositorio de modelos tridimensionais facilitando así o acceso aos mesmos por parte de investigadores ou elaborar un informe detallado de cada peza rexistrada que, entre outra información, recolla o seu estado de conservación.

Por outra banda, o obradoiro colaborou na organización de diversas actividades, relacionadas coa programación do Concello con motivo da conmemoración neste 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, como o deseño e edición dun calendario, xornadas e exposición sobre os 30 anos de escavacións arqueolóxicas na cidade ou o congreso internacional de cerámica.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a clausura do obradoiro TIC Arqueolóxico | Descargar mp3

Noticias relacionadas