O novo portal de transparencia do Concello rexistra máis de 2.500 visitas dende a súa posta en funcionamento, hai 3 meses

As persoas que acceden a esta ferramenta ven unha media de 2,23 páxinas por sesión e a duración media de cada visitante aproxímase ao minuto e medio

O 43% dos elementos máis vistos refírense á composición, forma de designación e convocatorias das Mesas de Contratación, así como ás direccións electrónicas tanto da Alcaldesa e dos concelleiros do Goberno Municipal

Luns, 29 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O portal de transparencia do Concello de Lugo, www.transparenciaconcellolugo.gal, recibiu máis de 2.500 visitas dende a súa posta en funcionamento, o pasado mes de maio. Nos tres meses que leva activo este portal houbo 975 visitantes distintos, que visitaron o portal cunha duración media da sesión de 1 minuto e 25 segundos, vendo unha media de 2,23 páxinas. O 43% dos elementos máis vistos refírense á composición, forma de designación e convocatorias das Mesas de Contratación, así como ás direccións electrónicas tanto da Alcaldesa e dos concelleiros do Goberno Municipal. Ademais, destacan pola visitas os datos biográficos da rexedora e dos concelleiros, a oferta pública de emprego e as ordes do día dos Plenos.

Neste novo portal, ao que se accede tamén dende a web www.lugo.gal e que cumpre cos índices de transparencia establecidos pola organización Transparencia Internacional, a cidadanía pode atopar 78 entradas con información, estruturada en 6 grandes apartados sobre a Corporación, servizos, economía, contratación, urbanismo e obras, e medio ambiente.

Facilitar o acceso da cidadanía á información pública é un dos obxectivos da posta en marcha deste novo portal, un dos compromisos fundamentais que adquiriu o Goberno ao inicio do mandato co fin de mellorar a calidade democrática e a transparencia. Nesta liña, O Goberno Local seguirá traballando para que este portal sexa vivo e dinámico, como a vida do propio Concello, actualizándose constantemente os datos e a documentación que se vaia xerando día a día. 

Noticias relacionadas