O MILH acollerá o primeiro Ciclo de Música Contemporánea MIHLSons-XXI

Venres, 26 de abril de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Hoxe presentouse o I Ciclo de Música Contemporánea MIHLSons-XXI que se vai celebrar os días 4, 10, 19 e 25 de maio nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo. Así, o presentou esta mañá a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o coordinador do Ciclo e profesor no Conservatorio de Música de Lugo, Diego Ventoso.

O MIHLSons-XXI nace co obxectivo de crear un espazo que aglutine a artistas procedentes de campos tan diversos como a música instrumental e electrónica, a danza ou a creación audiovisual, dinamizando o campo de acción de diferentes institucións da cidade cun único fío condutor, a arte contemporánea.

A Concelleira de Cultura, destacou que “trátase de abrir novos campos de acción con todas as posibilidades que a cidade de Lugo nos dá como pode ser o Conservatorio de Música e de Danza para dar cabida a todos os ámbitos artísticos” e animou a todos aqueles que teñan novas ideas para levalas a cabo. Basadre tamén destacou a gran acollida que ten o MIHL dentro do ámbito artístico e comentou que “dende que abriu as súas portas, é a infraestrutura de Lugo máis solicitada para a realización de actividades relacionadas coa música e a arte”.

Nesta edición escolléronse catro programas musicais diferentes para cada un dos días de actuación, co fin de conformar unha visión xeral na que se mostren algúns dos principais movementos estéticos que coexistiron dende principios dos anos 60 ata a actualidade, segundo comentou Diego Ventoso. O primeiro dos concertos, co nome de Rock Influence, recolle cinco pezas na que se uniran diferentes estilos como o jazz, pop ou soul. O concerto do día 10 de maio leva o título de Cinematic Counterpoint, e nela actuará un grupo de danza contemporánea do Conservatorio. O terceiro concerto baixo o nome de Música e Teatro, será unha representación de Lucía Carro Veiga, no que se contra a través da percusión unha historia. Finalmente, o sábado 25, presentarase un Poema Electrónico, a través da música electrónica e electroacústica.

Multimedia

Noticias relacionadas