O MIHL acolle unha exposición que repasa a historia da vestimenta en Lugo dende as épocas prehistóricas ata a Idade Media

Martes, 15 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada por Teté Latas e Maria Lamela, da tenda Una de Romanos organizadoras da exposición, inauguraron a exposición Tecido no tempo que está exposta no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Carmen Basadre anunciou que “esta exposición é un pouco diferente ao anterior e é o resultado de moitos anos investigando e experimentando técnicas para facer as reproducións o máis similar posible” e sinalou que “os que se acheguen a visitala poderán coñecer a historia e evolución das distintas vestimentas dende o Paleolítico ata a Idade Media de Lugo”. A exposición poderase visitar ata o 15 de outubro.
Trátase de 23 maniquís agrupados en diferentes épocas que recrean a vestimenta das mesmas e que están relacionados con feitos importantes para a historia de Lugo. Unha das principais novidades é que dispoñen dun código QR que enlaza directamente coas páxinas de diferentes Museos de Lugo nos que se relaciona a vestimenta cunha etapa importante da historia da cidade.
Pola súa parte, Teté Latas de Una de Romanos, explicou que “buscaban reflexar a evolución da indumentaria de maneira que fose paralela á historia da cidade xa que Lugo foi un centro de referencia moi importante en diferentes etapas do pasado”.
Así, a exposición iníciase nunha parella do Paleolítico que “habitaron” en Cova Eirós, a seguinte evolución é a dos castrexos, romanos, suevos e árabes cada un coas súas vestimentas máis típicas nas épocas nas que habitaron esta terra. Do final da Idade Media, destaca unha réplica de Dona Urraca I, dunha familia de comerciantes ricos e a representación da vestimenta de diferentes gremios como os zapateiros, campesiños ou a comunidade xudea.

Multimedia

Noticias relacionadas