O MIHL acolle a mostra itinerante sobre o escritor Carlos Casares con motivo das Letras Galegas

Lara Méndez e Darío Campos inauguraron este mércores Os Mundos de Carlos Casares, a colección itinerante organizada pola Fundación Carlos Casares que se leva a cabo con motivo da homenaxe da Real Academia Galega no Día das Letras Galegas ao escritor ourensán

A mostra estará exposta ata o 17 de decembro no Museo Interactivo de Historia de Lugo e conta con 5 espazos que van explicando cuestións fundamentais da vida do autor, a súa produción literaria e o compromiso coa cultura e identidade do país

A estrutura expositiva está organizada a través de varias etapas nas que se expoñen arredor de 400 pezas como imaxes, fotografías, proxeccións audiovisuais, manuscritos, obxectos como unha máquina de escribir e textos de Carlos Casares

Mércores, 29 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O MIHL acolle a mostra itinerante sobre o escritor Carlos Casares con motivo das Letras Galegas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, inauguraron este mércores a mostra Os Mundos de Carlos Casares no Museo Interactivo da Histoira de Lugo (MIHL). Fixérono xunto á Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e os comisarios da mostra, Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez. Esta colección itinerante, organizada pola Fundación Carlos Casares, lévase a cabo con motivo da homenaxe da RAG (Real Academia Galega) no Día das Letras Galegas ao escritor ourensán Carlos Casares. A colección, que se expón por primeira vez na provincia de Lugo, estivo anteriormente en Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña, Ribeira, Arzúa, Vigo e Pontevedra. O percorrido da exposición rematará en Xinzo de Limia, onde quedará de forma permanente.

"Para o Concello de Lugo é un orgullo poñer as instalacións municipais do MIHL para acoller esta mostra, que nos axuda a coñecer mellor, a través dunha presentación moi orixinal e atractiva, a figura, a vida e a obra deste autor central nas nosas letras", asegurou a Alcaldesa, Lara Méndez, no acto. Esta exposición dá continuidade ás actividades que organizou a entidade local con motivo das Letras Galegas, entre os que destacou unha conferencia de Armando Requeixo sobre a vida e obra de Casares.

Méndez, quen agradeceu e felicitou á Fundación Carlos Casares e á Deputación por elixir Lugo para traer esta exposición, puxo de manifesto o compromiso do Goberno coa lingua e a literatura galegas como esencia da identidade galega, a través de iniciativas como o programa Apego para fomentar o uso dos galego entre os nenos en nenas lucenses. "Só un 13% dos rapaces e rapazas e un 24% dos lucenses falan galego, o que reflexa a perda da trasmisión interxeracional, un aspecto que debemos paliar, e para iso é necesario impulsar o activismo cultural galeguista que sempre practicou Casares", concluíu a rexedora.

Pola súa banda, Darío Campos destacou que “dende o Goberno da Deputación traemos esta exposición á provincia de Lugo coa finalidade de poñer en valor a vida e obra de Carlos Casares, unha figura imprescindible na literatura galega do século XX, que foi un exemplo de compromiso coa identidade da nosa terra, e que inculcou e difundiu a nosa lingua nos máis pequenos, con obras tan importantes coma A galiña azul, Vento Ferido ou Xoguetes para un tempo prohibido, que marcaron a toda unha xeración de mozos. Esta mostra nos permitirá revisar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas a través das relacións de Carlos Casares coas experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas da época”.

5 espazos e 400 pezas que percorren a vida de Casares

A exposición Os mundos de Carlos Casares ten como obxectivo celebrar a vida e a obra do escritor ourensán na clave dun percurso vital, a través dunha viaxe polo tempo e polo espazo. Máis alá da intención retrospectiva, a exposición presenta diferentes marcos nos que se amosan as relacións de Carlos Casares co mundo, nunha sucesión de territorios simbólicos que van explicando cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e as súas xentes.

Cinco espazos metafóricos diferenciados, pero permeables grazas a unha coidada montaxe que permite debuxar escenas e activar experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas. A estrutura expositiva está organizada a través de cinco etapas nas que se expoñen arredor de 400 pezas como imaxes; fotografías; recortes de prensa; cartas; manuscritos; revistas; proxeccións audiovisuais; obxectos, como unha máquina de escribir; textos e obras de Carlos Casares:

- “Paisaxes” recolle dende os primeiros anos en Xinzo de Limia ata a saída do Seminario Menor de Ourense.

- “Luzadas” achega ao visitante á etapa universitaria, a loita estudantil e os primeiros pasos de Carlos Casares como profesor.

- A viaxe” relata as primeiras viaxes do escritor galego por Europa, os inicios do xornalismo literario, a entrada na RAG e a madurez literaria.

- “Conviña...” visibiliza a época do compromiso político no Parlamento galego e o papel de mediador cultural da literatura galega.

- “O redondel” recolle a madurez do novelista e a conquista da popularidade no xornalismo literario; a presidencia do Consello da Cultura Galega; así como o traballo na Academia, o impulso da Arte Contemporánea, o Teatro e o Audiovisual.

Carlos Casares

Carlos Casares Mouriño naceu en Xinzo de Limia, Ourense, o 24 de agosto de 1941. A súa vida estivo marcada polo maxisterio e a amizade con Ramón Piñeiro e polo grupo de galeguistas vinculados á editorial Galaxia. Foi elixido membro da Real Academia Galega en 1977, e Presidente do Consello da Cultura Galega en 1996. Entre as súas obras sobresaen: Cambio en tres; Xoguetes pra un tempo prohibido; Vos escuros soños de Clío; ou Deus sentado nun cadeira de brazos azul, entre moitos outros. Como escritor de literatura infantil destacan A galiña azul; As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas; ou Lolo anda en bicicleta. Como biógrafo e ensaísta produciu traballos sobre a vida e obra de escritores destacados da literatura galega, como Vicente Risco, Otero Pedrayo, ou Curros Enríquez, así como traducións ao galego de O principiño do francés Antoine de Saint-Exupéry, Os escaravellos voan á tardiña da sueca María Gripe e O vello e o mar do estadounidense Ernest Hemingway. En 1976 obtivo o Premio da Crítica de narrativa galega pola súa obra Xoguetes pra un tempo prohibido, en 1996 por Deus sentado nun cadeira de brazos azul e en 2002 por Ou sol do verán. No ano 2002, faleceu en Vigo.

Noticias relacionadas