O luns comezan as obras da nova senda ciclista de Lugo coa reposición do firme en máis de 3 quilómetros de vías da cidade

Estes traballos levaranse a cabo na Rolda do Carme, en Marqués de Ombreiro, na rúa Ameneiro e nas costas do parque Rosalía, para mellorar a seguridade

Hoxe mesmo instalouse sinalización, quedando prohibido o estacionamento desde a intersección de República Arxentina ata a rúa Noriega Varela a partir do luns

Lara Méndez: “Con este proxecto avanzamos cara unha mobilidade máis sostible e respetuosa co medio ambiente, dentro do noso modelo de cidade verde”

Venres, 15 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O luns comezan as obras da nova senda ciclista de Lugo coa reposición do firme en máis de 3 quilómetros de vías da cidade

O vindeiro luns comezarán as obras da nova senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude, que percorrerá 8 barrios da cidade enmarcados na zona DUSI. Así o avanzou este venres a alcaldesa, Lara Méndez, quen explicou que “os traballos iniciaranse coa mellora de máis de 3 quilómetros do firme na Rolda do Carme, as rúas Marqués de Ombreiro e Ameneiro (no tramo situado entre Avenida das Américas e Marqués de Ombreiro), así como nas costas do parque Rosalía de Castro”.

A rexedora explicou que “estes labores permitirán mellorar a seguridade dos usuarios, coa renovación dos tramos de vías que se atopaban máis danados. Supoñen ademais, o primeiro paso para a creación do carril bici, un proxecto ambicioso co que buscamos avanzar cara unha mobilidade máis sostible e respetuosa co medio ambiente, dentro do noso modelo de cidade verde, á vangarda na loita contra o cambio climático”.

Hoxe mesmo comezouse a colocar a sinalización oportuna para avisar do inicio das obras. Deste xeito, instaláronse conos e carteis indicativos de "non aparcar" no tramo da Rolda do Carme onde se vai a empezar a fresar o luns, desde a intersección de República Arxentina ata a rúa Noriega Varela, nos dous sentidos de circulación, de modo que os propietarios dos vehículos os poidan retirar, debendo quedar libre o espazo a partir das 8:00 horas da mañá.

Os traballos levaranse a cabo nun só sentido da calzada, desviándose o tráfico polo outro, motivo polo que quedará prohibido o estacionamento en ambas marxes. Unha vez finalizados, avanzarase cara a calzada oposta (outro sentido) e, a continuación, cara o outro tramo da rolda do carme, comprendido entre Noriega Varela e a Fonte dos Ranchos.

A medida que avancen as obras darase conta á cidadanía do plan de tráfico, cos pertinentes desvíos ou prohibicións de estacionamento que se deban realizar con motivo das obras do novo carril bici, que contan cun prazo de execución de seis meses e un orzamento de 1.227.000 euros.

Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, posta en marcha pola rexedora, co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño, e cofinanciada ao 80% por fondos FEDER. A nova senda verde ciclista de Lugo terá unha lonxitude de 14 quilómetros e transformará a mobilidade dos oitos barrios que percorrerá: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real.

No seu deseño primou a comodidade; a cohesión interna, e tamén con outras redes como a do transporte urbano; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis curto) e o atractivo da ruta. Pero especialmente primou a seguridade, do ciclista e tamén dos peóns, combinando carrís segregados de tráfico nas rúas con maior ancho, con viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reducirá ao 20%.

Así mesmo, procurouse a menor eliminación de prazas de estacionamento posible en todo o itinerario e proxectouse a creación de novas prazas en aparcamentos alternativos ao tempo que se porán en marcha campañas de promoción e concienciación do uso da bicicleta. Ademais, os 14 quilómetros deste novo itinerario uniranse aos 2,5 que xa se atopan en funcionamento no paseo do Río Rato, froito da colaboración do Concello e a Deputación de Lugo.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o inicio das obras do carril bici | Descargar mp3

Multimedia

  • O luns comezan as obras da nova senda ciclista de Lugo coa reposición do firme en máis de 3 quilómetros de vías da cidade

Noticias relacionadas