O luns 20 de febreiro remata o prazo para domiciliar o recibo do IBI e poder fraccionalo en dous pagos

Xoves, 16 de febreiro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O próximo luns 20 de febreiro remata o prazo para aqueles contribuíntes que queiran domiciliar o pago do IBI e, desta maneira, poder facer dito pago en dous prazos sen recargos nin intereses. Así, pasaríase a cobro o primeiro prazo o día 5 de xuño e o segundo prazo sería o día 5 de setembro. “Con esta medida preténdese facer máis levadeiro a suba do IBI para os veciños e veciñas” segundo explicou Sonia Méndez.

A Concelleira de Economía, Emprendementos e Autónomos lembrou que “aínda que sexa o Concello quen faga a xestión, a medida de incrementar un 10% o imposto do IBI é, única e exclusivamente, unha decisión do Goberno de Rajoy que nos obriga a aplicar esta suba”.

A responsable da área económica lembrou que o Concello dispón dunha Guía do Contribuínte 2012, que se enviou a todos os domicilios do municipio, e que serve como un manual na que se recolle información de moita utilidade para os contribuíntes, e que, entre outras cousas recolle un calendario estable para o pago dos tributos intentando facilitar e organizar as súas economías domésticas.

Esta guía inclúe tamén unha descrición dos Tributos Municipais para garantir que os contribuíntes teñan claras as súas obrigas tributarias, coñezan o feito impoñible e saiban en que circunstancias están obrigados a pagar. Inclúe tamén información sobre os Beneficios Fiscais, para que a cidadanía coñeza os seus dereitos, unha relación dos medios de pagamento existentes, e o modelo de domiciliación de recibos que o contribuínte pode cubrir e depositar nas dependencias da Tesourería Municipal ou nas entidades bancarias colaboradoras.

Tamén lembrou, Sonia Méndez, as medidas de pago postas en marcha pola administración local e que supoñen novas ferramentas que facilitan a xestións aos administrados como a ampliación das entidades colaboradoras no pagamento, o pagamento online ou a domiciliación bancaria.

 

Noticias relacionadas