O Impulso Verde continúa a reforzar a súa labor divulgativa cunha nova visita de dous programas de formación e emprego de León

Un grupo de 20 persoas, 16 alumnos e 4 monitores, do Concello de Fabero coñeceron as instalacións desta pioneira edificación impulsada pola alcaldesa na Garaballa.

Os participantes, que están a cursar, por un lado, albañilería e obra civil e, por outro, xardinería e traballos forestais, tamén visitaron o novo bosque urbano das Gándaras.

Venres, 29 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde continúa a reforzar a súa labor divulgativa cunha nova visita de dous programas de formación e emprego de León

O Impulso Verde continúa a reforzar a súa labor divulgativa. Así, este venres o edificio municipal promovido polo Goberno de Lara Méndez, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, na Garaballa, recibiu a visita de dous programas de formación e emprego impulsados polo Concello de Fabero, en León, un deles especializado en albañilería e obra civil, e o outro en xardinería e traballos forestais.

Os participantes, un grupo de 20 persoas, 16 alumnos e 4 monitores, puideron coñecer de primeira man as características singulares do novo inmoble, que o converten nun referente no ámbito da construción sostible. O interese que xera este edificio débese principalmente ao uso da madeira como elemento estrutural, así coma a súa aposta polo consumo enerxético case nulo, reducindo as emisións de CO2 á atmosfera nun 90% con respecto a construcións homólogas de formigón e aceiro.

O Impulso Verde é a primeira construción de carácter público de Galicia levantada en madeira local e é, ademais, o primeiro en España e un dos poucos no mundo en obter a prestixiosa certificación de proxectos FSC (que garante que non contribúe á deforestación e aposta polo produto local), converténdose nun referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

Finalizada a súa visita ao novo inmoble, os participantes dirixíronse ás inmediacións do polígono das Gándaras onde tamén tiveron ocasión de coñecer o novo bosque urbano posto en marcha polo executivo municipal no marco deste proxecto europeo.

LIFE Lugo+Biodinámico

O Concello de Lugo impulsa o LIFE Lugo + Biodinámico para unir de maneira indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica da cidade. Con este proxecto, Lugo sitúase como un referente europeo na acción fronte ao cambio climático en contornas urbanas, á vez que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais de proximidade, apostando firmemente por unha economía sustentable e a xeración de empregos verdes.

O LIFE Lugo + Biodinámico desenvólvese con fondos da Unión Europea a través do Programa LIFE. Cofinanciado polo Concello lucense, conta tamén con financiamento da Deputación de Lugo e co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, desde o Campus Terra de Lugo, e da Universidade Politécnica de Madrid.

Multimedia

  • O Impulso Verde continúa a reforzar a súa labor divulgativa cunha nova visita de dous programas de formación e emprego de León

Noticias relacionadas