O Impulso Verde continúa acollendo visitas didácticas como referente construtivo e de sostibilidade

O edificio, internacionalmente recoñecido, recibiu hoxe a vista do alumnado de 2º e 4º de Primaria do Colexio de Albeiros, dentro do seu proxecto de innovación educativa ‘Imaxinando o futuro do noso barrio’.

Martes, 31 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde continúa acollendo visitas didácticas como referente construtivo e de sostibilidade

O Impulso Verde continúa exercendo o seu labor divulgativo, antes de ser inaugurado e de abrir as súas portas ao público como edificio municipal e centro de coworking.

Esta mañá máis de 40 alumnos e alumnas de 2º e 4º de Primaria visitaban o inmoble, dentro da súa actividade lectiva e debido ao interese que lles suscitou a edificación como referente de sostibilidade e dos novos modelos construtivos e polas súas vantaxes medioambientais, ao abeiro do proxecto de innovación educativa que desenvolve este CEIP, centrado no tema ‘Imaxinando o futuro do noso barrio’.

O Impulso Verde cumpre así coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez, dentro da transformación que está a impulsar para Lugo. De maneira que, enmarcado na estratexia LIFE Lugo + Biodinámico, o inmoble - pioneiro por ter unha eficiencia enerxética do 75% e estar construído integramente con madeira lucense – está sendo clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.

Para esta tarefa, contará cunha parte expositiva na que se dará conta do que representa en todos os ámbitos da sostibilidade. Un espazo no que tamén estarán presentes o resto de iniciativas activadas no marco deste programa europeo, moi valoradas no seu conxunto, tanto a nivel nacional como internacional, por tratarse de accións replicables a outras cidades de tamaño medio e polas súas capacidades para trasladar coñecemento. Tal é a súa proxección que, de feito, nestes momentos o edificio ten xa unha axenda propia de visitas de colectivos profesionais, institutos, axencias, institucións, universidades e outras administracións, etc.

O Impulso Verde compatibilizará este cometido como unha nova sede de coworking local, con zona de reunións, para as empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía circular en consonancia coa diversificación industrial que está a promover o Executivo de Lara Méndez. Ubicado nunha superficie en expansión da capital, é o xerme do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España.

O LIFE Lugo + Biodinámico desenvólvese con fondos da Unión Europea a través do Programa LIFE. Impulsado e cofinanciado polo Concello lucense, conta tamén con financiamento da Deputación de Lugo e co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, desde o Campus Terra de Lugo, e da Universidade Politécnica de Madrid.

 

Multimedia

  • O Impulso Verde continúa acollendo visitas didácticas como referente construtivo e de sostibilidade

Noticias relacionadas