O impacto da inactividade económica e social xerada pola pandemia mermou en 4 millóns de euros a recadación municipal de 2020

O imposto do ICIO decaeu un 49’36%, o ingreso polas Escolas Deportivas un 44’37% e até o importe das sancións de tráfico baixou un 23% debido ás restricións durante o Estado de Alarma. 

A pesar de que esa diminución xa se contemplaba, Lara Méndez optou por eximir ao tecido produtivo local dalgunhas taxas e prezos públicos para dotalos de liquidez e impulsar a reactivación económica do municipio.

Martes, 24 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O impacto da inactividade económica e social xerada pola pandemia mermou en 4 millóns de euros a recadación municipal de 2020

Con cargo ao 2020 o Concello de Lugo recadará un total de 80 millóns de euros. Só un 13’21% quedou pendente de cobro a 31 de decembro.

O imposto máis cuantioso segue a ser o IBI, que supón o 27’51% dos recursos locais e o menos oneroso, a taxa pola venda de publicacións que supuxo o cobro de 166 euros.

O Concello de Lugo recadou en 2020 catro millóns de euros menos que no exercicio anterior.

Unha diminución de ingresos derivada, fundamentalmente, da ausencia de actividade durante o Estado de Alarma e acorde ao devir da pandemia que freou o investimento privado, pola incertidume financeira que provocou, e paralizou a moitos sectores, nomeadamente á industria cultural e de ocio, entre eles a hostalaría - cun importante peso no PIB local e nacional - pero que tampouco foi alleo á construción, un dos polos de negocio máis importantes na cidade.

Esta é unha das principais conclusións que se poden extraer da Conta Xeral de 2020 que o vindeiro mes a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, presentará aos grupos da Corporación durante a celebración dunha Comisión convocada ao efecto.

A tenente de Alcaldesa avanzou hoxe que o 2020 arroxou un saldo de 80.035.861 de euros en dereitos recoñecidos, dos que forman parte tanto os impostos directos e indirectos, como as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes e de capital ou os ingresos patrimoniais. De todos eles, só un 13’21% quedou pendente de cobro a 31 de decembro.

“Advertimos unha perda considerable de ingresos que obedece a factores atribuíbles, na súa maioría, á pegada da COVID pero tamén tiveron repercusión sobre este balance as medidas que, a pesar das expectativas minguantes que xa contemplabamos, Lara Méndez quixo impulsar para apoiar ao tecido produtivo e aos colectivos máis vulnerables”, sinalou.

Así, a responsable da área económica do Concello de Lugo debullou algunhas das cifras máis significativas do epígrafe impositivo.

“Coma sempre, algúns dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais foron o IBI (22.015.869 €) ou o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (5.803.644 €) que supoñen o 27’51% e o 7’25%, respectivamente, da cantidade total que obtén a Administración cada anualidade” e apuntou, asemade, a máis simbólica: os 166 euros que se xiran pola venda de publicacións.

Logo, Paula Alvarellos ofreceu outras cantidades que reflicten os ecos do coronavirus.

“A necesidade de pechar as instalacións públicas durante varios meses e as limitacións de aforo posteriores ocasionaron, por exemplo, que os cobros de prezos públicos nas Escolas e dotacións deportivas da capital ou na Escola Municipal de Música decaesen dos 346.187 € e 67.145 € obtidos, respectivamente, en 2019 aos 192.572 € e 59.429 euros que se recadaron o pasado ano”.

“Tamén a taxa pola apertura de establecementos dá boa conta da baixa nos niveis de investimento en Lugo, onde pasamos de 161.185 € (2019) a 105.171 € (2020) e mesmo impostos como o ICIO evidencian que o volume de obras e reformas na construción tamén se resentiu xa que dunha liquidación de 1.846.923 euros en 2019 pasamos á metade, 935.330 € en 2020 (un 49’36% menos)”, destacou a edil.

Alvarellos Fondo lembrou, alén que, “co obxectivo de dotar de liquidez ao empresariado pero tamén ás e aos contribuíntes e promotores, o Goberno de Lara Méndez habilitou unha serie de medidas que están a ter efectos sobre as arcas municipais. É o caso do adiamento do pago dalgúns dos gravames, como este do ICIO, pero tamén a exención total, por exemplo, das taxas de ocupación da vía pública por terrazas e caldeiros do polvo, ou mesmo a taxa de mercados polas que o Concello obtivo o pasado ano cero euros”.

“Noutros casos, a cancelación de eventos culturais ou festivos implicou unha nula recadación por conceptos como a taxa por festas na rúa, a ocupación con casetas, etc... e mesmo as limitacións de mobilidade que houbo durante o Estado de Alarma fixeron decaer os ingresos de multas por infraccións á Ordenanza de Circulación dos 1.735.097 euros que se rexistraron en 2019 aos 1.332.205 € de 2020 (o 23’22% menos)”.

“Medidas que afectan á baixa ao capítulo de ingresos pero que, en ningún caso, comprometen a solvencia da Institución. Un aspecto que volve destacar no resultado do balance contable do Concello de Lugo – subliñou Paula Alvarellos. E sobre todo, medidas coas que este Goberno optou por poñerse ao carón das e dos lucenses para tentar que ninguén quedara atrás na superación da crise económica e social que derivou da sanitaria”, concluíu a concelleira de Gobernanza.

Audio

  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a Recadación 2020 | Descargar mp3

Noticias relacionadas