O III Torneo de Nadal de Fútbol Sala de base Clece, co que colabora o Concello de Lugo, disputarase o fin de semana do 28 de decembro

Venres, 20 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O III Torneo de Nadal de Fútbol Sala de base Clece, co que colabora o Concello de Lugo, disputarase o fin de semana do 28 de decembro

O concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, presentaba esta mañá a fase autonómica do III Torneo de Nadal de fútbol sala de base Clece, que se celebrará os días 28 e 29 de decembro e que, a quince días da súa celebración, xa conta con 100% das prazas cubertas.

“Como sucedeu xa dende a primeira edición, este campionato ten unha gran repercusión na nosa comunidade de forma que, nunha nova ocasión, algúns equipos quedaron fóra ao alcanzarse rapidamente o número máximo de prazas que pode albergar o torneo - destacaba o edil – o que dá boa conta do seu éxito e da súa implantación”.

Fernández, que estivo acompañado por Marcos Pereira, presidente do CD Lugosala e por Miguel Vijander, xerente de Clece Galicia, puxo en valor a importancia desta cita que terá continuidade, coa fase nacional, os vindeiros 2 e 4 de xaneiro, “convertendo a Lugo nun polo de atracción para deportistas e afeccionados, o que nos permitirá tamén dar boa conta do talento local”.

Nesa mesma liña, o edil de Deportes subliñou o papel fundamental que xoga o deporte base no municipio, non só no que ten que ver co balompé senón co resto de modalidades e que contan co “apoio incondicional da administración local como así o demostra a colaboración permanente que mantemos con diferentes organismos e con entidades que promoven a súa práctica, apostando, coma nós, pola defensa dos valores que promove”, sentenciou Miguel Fernández.

O III Torneo de Nadal de fútbol sala de base Clece dispón dunha web exclusiva para o campionato na cal se poderán consultar os equipos participantes e calendarios de competición e, unha vez chegue o momento de que comece a rodar o balón, todos os resultados e clasificacións. A esta dirección pódese acceder a través desta mesma web na sección de Torneos ou na dirección: https://www.siguetuliga.com/torneo-nadal-lugosala-clece.html

Audio

  • O concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, sobre o III Torneo de Nadal | Descargar mp3

Noticias relacionadas