O III Festival Internacional Mural Folk trae este xoves a cinco grupos de música folk ao Auditorio Municipal

Esta cita solidaria, cuxa entrada é gratuíta e coa que se recadarán fondos para o Banco de Alimentos, celebrarase a partir das 20:30 horas

Luns, 10 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O III Festival Internacional Mural Folk trae este xoves a cinco grupos de música folk ao Auditorio Municipal

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, a presidenta do Banco de Alimentos, Amadora Núñez, as representantes da Asociación de Rioplatenses, Ana Bereciartua, e da Asociación Cultural Mural Rock, María Teresa Huguet, presentaron este luns, no Edificio de Novas Tecnoloxías, o III Festival Internacional Mural Folk 2017, que se celebrará o vindeiro xoves, 13 de xullo, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Durante a presentación, Ana González Abelleira destacou que este festival de música folk “tamén é unha mostra de diversidade cultural e solidariedade”. Así mesmo, a Concelleira aproveitou para animar á veciñanza luguesa a asistir a este espectáculo, que xa alcanzou a súa terceira edición.

Pola súa banda, dende as asociacións organizadoras agradeceron a colaboración do Concello e da Deputación para poder continuar con este festival, que ten como obxectivo fomentar a interculturalidade a través da música e da danza, dirixido a todos os públicos e a todas as idades.

Actuarán os grupos Batuko Tabanka de Cabo Verde, a Asociación de Peruanos e Peruanas en Burela (ASPEBU), Telón Abierto de Cuba, Cántigas e Flores de Galicia e a Compañía de Danza Folklórica de la Ciudad de México.

A entrada a este evento solidario é gratuíta e recadaranse fondos que irán destinados ao Banco de Alimentos de Lugo.

Multimedia

  • O III Festival Internacional Mural Folk trae este xoves a cinco grupos de música folk ao Auditorio Municipal

Noticias relacionadas