O III Campus Específico de Fútbol Sala mellorará as destrezas deportivas dos nenos e nenas de 7 a 15 anos

Miguel Fernández, Marcos Pereira e Diego Ríos presentaron este evento deportivo, que terá lugar no Pavillón Municipal O Palomar entre os días 5 e 8 de setembro

O Concello colabora co club Lugo Sala neste campus posto que ambos os dous comparten o impulso polo deporte de base como parte fundamental na educación dos máis cativos

Venres, 19 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O III Campus Específico de Fútbol Sala mellorará as destrezas deportivas dos nenos e nenas de 7 a 15 anos

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o presidente do club Lugo Sala, Marcos Pereira, e o directivo deste club, Diego Ríos, presentaron este venres no Salón de Plenos o III Campus Específico de Fútbol Sala, que terá lugar entre os días 5 e 8 de setembro no Pavillón Municipal O Palomar. O Concello colabora con esta iniciativa, dirixida a nenos e nenas nados entre o 2001 e 2009, posto que se enmarca dentro do aposta do Concello polo deporte, en todas as modalidades e para todas as idades.

No acto, no que tamén estiveron presentes outros membros da directiva do club, Fernández amosou a disposición do Concello a colaborar con todas e cada unha das actividades levadas a cabo no municipio encamiñadas á formación e ao compromiso cos valores que o deporte inculca nos máis cativos. Neste sensto, o edil quixo subliñar o interese que esperta o fútbol sala nos nenos e nenas, o que se ve reflexado na participación que ano tras ano ten este campus, completándose sempre a totalidade das prazas ofertadas.

Ademais, o edil quixo agradecer o impulso que Lugo Sala está a facer polo deporte de base, “un impulso compartido co Concello, como parte fundamental na educación dos máis cativos”, tal e como afirmou Fernández.

Pola súa banda, Pereiro e Ríos agradeceron a colaboración da entidade local neste evento, que xa vai pola terceira edición, consolidándose como unha cita obrigatoria para todos aqueles rapaces e rapazas que desexen mellorar tanto a nivel teórico como práctico as súas habilidades no deporte do fútbol sala.

Protagonismo para os porteiros
O III Campus Específico de Fútbol Sala arrincará o luns 5 de setembro, ás 09:30 horas, coa recepción dos participantes. Ao longo de catro días, en horario continuo de 09:30 a 19:30 horas, os particpantes terán adestramentos e actividades de lecer. Nesta ocasión, a novidade será o protagonismo que se lle da aos porteiros, contando con adestramento específico para eles. O campus inclúe comidas para todos os rapaces, un refrixerio a media mañá, comida e merenda a media tarde. Este evento inclúe ademais unha excursión.

O custe da inscrición será de 80 euros para nenos e nenas do club Lugo Sala e de 105 euros para o resto dos cativos. Para facer efectiva a inscrición deberase cubrir o formulario de inscrición, dispoñible na web www.lugosala.com, e enviar a ficha asinada polos pais, adxuntando o ingreso corresponde ao enderezo electrónico info@lugosala.com ou ben entregándoo na tenda de deportes Legea Sport, situada na Avenida da Coruña, número 72, antes do venres 2 de setembro. As prazas reservaranse por rigurosa orde de inscrición, ofrecéndose un total de 60.

Noticias relacionadas