O II Campus Específico de Fútbol Sala fará vibrar en Lugo aos afeccionados máis cativos deste deporte

O Concello colabora con este evento deportivo, organizado polo club lucense Lugo Sala, que terá lugar entre os días 1 e 4 de setembro no pavillón O Palomar e na Casa do Deporte

Todos os nenos e nenas nados entre o 2000 e 2008 interesados en participar deberán enviar a folla de inscrición asinada polos pais a info@lugosala.com ou ben entregala na tenda Legea Sport adxuntando o ingreso correspondente

Mércores, 19 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Campus Específico de Fútbol Sala

O Concelleiro de Deportes e Infraestruturas Urbanas, José Manuel Díaz Grandío, e o presidente do club lucense Lugo Sala, Marcos Pereira, presentaron este mércores no Salón de Plenos do Concello o II Campus Específico de Fútbol Sala, que terá lugar entre os días 1 e 4 de setembro no pavillón O Palomar e na Casa do Deporte. O Concello de Lugo colabora con esta iniciativa, dirixida a nenos e nenas nados entre o 2000 e o 2008, posto que se enmarca dentro do seu apoio a todas as actividades deportivas de base. No acto de presentación tamén estiveron presentes outros membros da directiva do club.

No acto, Díaz Grandío salientou “a excelente oportunidade que supón o campus para que os máis cativos gocen duns días de compañeirismo ao tempo que practican o seu deporte favorito”. Neste senso o edil felicitou aos organizadores “por levar adiante esta actividade vinculada a un dos deportes que é un referente na nosa cidade, como é o fútbol sala”.

Pola súa banda, Pereiro agradeceu a colaboración e o apoio do Concello para desenvolver este campus, que o ano pasado congregou en Lugo a medio cento de cativos afeccionados a este deporte.

O II Campus Específico de Fútbol Sala arrancará o martes 1 de setembro, ás 09:30 horas, co recepción dos participantes. Ao longo de catro días, os cativos participarán  en adestramentos específicos para xogadores e porteiros, recibirán as visitas dos xogadores da Liga Nacional de Fútbol Sala, terán actividades de lecer sorpresa e sorteos, entre outros. O xoves día 3, os participantes achegaranse ao Aquapark de Cerceda. Todas as xornadas desenvolveranse de 10:00 a 19:00 horas e haberá comidas incluídas para todos os nenos e nenas: un refrixerio a media mañá, comida en restaurante e merenda a media tarde.

O custe da inscrición será de 75 euros para nenos e nenas do club Lugo Sala e de 100 euros para o resto dos cativos. Para facer efectiva a inscrición deberase cubrir o formulario de inscrición, dispoñible na web www.lugosala.com, e enviar a ficha asinada polos pais, adxuntando o ingreso correspondente no nº de conta 0238-8168-82-0600123792 ao enderezo electrónico info@lugosala.com ou ben entregalo na tenda de deportes Legea Sport, situada na Avenida da Coruña, 72, antes das 20:00 horas do venres, 28 de agosto. As prazas reservaranse por estrita orde de inscrición ata cubrir as 100 dispoñibles. 

Noticias relacionadas