O I Medio Maratón Cidade de Lugo, organizado por El Progreso e o Concello, celebrarase o 14 de maio

Lara Méndez, Blanca de Cora e Miguel Fernández presentaron esta proba, na que xa se poden inscribir todas as persoas interesadas en participar a través da web http://mmcidadelugo.com

Este medio maratón é a consolidación dun desexo dos atletas e un paso máis no atletismo da cidade, despois do circuíto Corre con Nós e a Lugo Monumental, tal e como subliñou a rexedora

Discorrerá por un trazado de asfalto de 4 voltas pola Ronda da Muralla e Avenida Ramón Ferreiro, con saída na Praza do Ferrol e chegada na Praza Maior. Finalizará cunha volta polo adarve da Muralla

Mércores, 22 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O I Medio Maratón Cidade de Lugo, organizado por El Progreso e o Concello, celebrarase o 14 de maio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a adxunta á Presidencia de El Progreso, Blanca de Cora, e o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, presentaron o I Medio Maratón Cidade de Lugo, que se celebrará o 14 de maio a partir das 10:00 horas, organizado polo xornal El Progreso en colaboración co Concello.

No acto de presentación, a rexedora agradeceu “o interese do Grupo El Progreso por levar cabo esta proba deportiva na cidade, así como a súa implicación, máis aló da comunicación e difusión propiamente dita, con todas as actividades sociais, culturais e deportivas que pretenden impulsar e poñer a Lugo no mapa”.

Este medio maratón é a consolidación dun desexo dos atletas e un paso máis no atletismo da cidade, despois do circuíto Corre con Nós e a Lugo Monumental, tal e como subliñou Méndez, quen fixo fincapé no gran interese da cidadanía nesta proba, que está xerando moitas expectativas, mesmo antes de abrirse o prazo de inscrición, polo que agarda que teña unha forte acollida. Así mesmo, chamou aos atletas a achegarse a Lugo a competir esta proba e a gozar da cidade.

Nesta liña tamén insistiu Blanca de Cora, quen destacou a implicación do Concello e El Progreso non soamente con este medio maratón senón con todo o deporte local.

O I Medio Maratón Cidade de Lugo discorrerá por un trazado de asfalto de catro voltas pola Ronda da Muralla e Avenida Ramón Ferreiro, con saída na Praza do Ferrol e chegada na Praza Maior. Finalizará cunha volta polo adarve da Muralla, ata completar unha distancia próxima á dunha media maratón (21 quilómetros). O tempo máximo da proba será de 2 horas e media.

Esta é  a primeira pedra dun proxecto que irá crecendo ano a ano e que seguramente se modificará en canto a trazado e dureza da proba para ir facéndoa máis accesible e apetecible a todo atleta que queira participar. Nace coa intención de asentarse no calendario atlético galego, como un referente de proba ao servizo do atleta, adaptándose, ano a ano, ás distintas necesidades do corredor.

Inscricións
Todas as persoas interesadas poden inscribirse ata o 9 de maio a través da web http://mmcidadelugo.com cun prezo de entre 8 e 12 euros, incrementándose a medida que se achega a data da carreira, ata completar a cifra máxima de 1.500 atletas, límite posto pola organización para este tipo de probas. Existen categorías dende os 18 anos a máis de 65 anos, tanto masculina como feminina.

Noticias relacionadas