O I Festival Inclusivo, co que colabora o Concello, contará coa actuación de Pepe Viyuela e Pincharcarneiro

Ana González Abelleira, Álvaro Santos, Ángeles Fernández e Marta González presentaron este festival solidario a prol da inclusión das persoas con discapacidade, que terá lugar este sábado no Instituto Politécnico

Mércores, 21 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O I Festival Inclusivo, co que colabora o Concello, contará coa actuación de Pepe Viyuela e Pincharcarneiro

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, e a Delegada en Lugo da Fundación Anade, Ángeles Fernández, presentaron este mércores no Salón de Plenos o I Festival Inclusivo, que terá lugar o próximo 24 de setembro ás 18:00 horas no Salón de Actos do Instituto Politécnico.

No acto, Ana González Abelleira destacou “a importancia destas iniciativas solidarias e o traballo realizado pola Fundación Anade a prol da inclusión das persoas con discapacidade intelectual”, destacando as colaboracións de importantes actores, como Pepe Viyuela, “para buscar unha sociedade totalmente inclusiva, igualitaria e xusta, algo que buscamos dende o Concello xunto coas asociacións sociais”.

Pola súa banda, Santos Ramos subliñou que “apoiamos este tipo de iniciativas que axudan á concienciación e visibilidade deste colectivo, pero somos conscientes de que as administracións teñen que implicarse moito máis. Por iso, dende a Deputación acabamos de aprobar un novo plan de emprego onde subvencionamos o 100% dos contratos no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes”.

Ángeles Fernández convidou a toda a cidadanía a asistir a este festival e a colaborar, “implicando a toda a sociedade neste proxecto, para dar a coñecer o importante labor que se realiza dende Anade e dende o grupo Pinchacarneiro, xa que é unha forma de integrar ás persoas que padecen algunha discapacidade intelectual”.

O I Festival Inclusivo contará coa actuación de Pepe Viyuela e o espectáculo do grupo Pinchacarneiro. Toda a recadación das entradas, cun donativo de sete euros, irá destinada integramente á Fundación Anade.

Noticias relacionadas