O I Encontro de Cidades Augusteas de Gallaecia abrirá un intenso programa do Lvcvs Cvltvral 2014

Mércores, 23 de abril de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Xuventude, Turismo e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou as actividades culturais previas ao Arde Lucus, o Lvcvs Cultural, que se celebrarán entre o 26 de abril e o 11 de xuño.

Esta serie de actos culturais, englobados baixo o nome “Lvcvs Cvltvral”, divídense en catro grandes bloques: ciclo de conferencias, visitas Lucus Cultural, xornadas temáticas nos diferentes barrios da cidade e actividades.

O punto de partida será o I Encontro de Cidades Augusteas da Gallaecia que se celebrará os días 2, 3 e 4 de maio no MIHL e que conta coa participación das cidades de Lugo, Astorga e Braga, as tres cidades augusteas. Durantes os tres días o Museo Interactivo da Historia de Lugo acollerá mostras de artigos romanos, diferentes obradoiros a cargo das asociacións romanas e castrexas, xogos romanos, e mesas redondas sobre a antiga Gallaecia. Nestas xornadas tamén se presentará unha nova asociación de recreación histórica denominada Mercenarios Galaicos e o domingo 4 de maio ás 19.30 horas levarase a cabo o IV Mostra de Moda Romana e Castrexa para o Arde Lucus 2014.

Durante este I Encontro vanse realizar diferentes conferencias e mesas redondas, que comezarán o venres 2 de maio co seminario sobre A Mineria  romana, impartido por Xavier Barros Pereira, ás 20 horas. O día seguinte terá lugar ás 12 horas unha mesa redonda sobre As capitais dos conventos xurídicos da Gallaecia a cargo dos arqueólogos municipais de Astorga, Lugo e Braga. Para que todos os lucenses poidan achegarse a estas xornadas haberá un servizo de autobús urbano gratuíto que sairá o venres 2 ás 17, 18 e 19 horas, o sábado 3 e domingo 4 con horario ininterrumpido cada hora dende as 10.30 ata as 19.30 horas o sábado e o domingo ata as 17.30 horas e que terá como punto de saída o edificio de Sindicatos da Ronda da Muralla.

Unha das principais novidades son as actividades específicas que se van a realizar os días 10 e 11 de maio no barrio da Ponte e no entorno da Ponte Romana, nas que haberá obradoiros e xogos romanos e desfiles das diferentes asociacións romanas e castrexas ademais da degustación de tapas no barrio.

O Lvcvs Cvltvral tamén acollerá unha exposición sobre o papel da muller en Roma que se inaugurará o 6 de maio no MIHL baixo o nome de Féminas: As mulleres en Roma. Outra das actividades serán os obradoiros de cociña romana na Praza de Abastos que se levarán a cabo o 5, 7 e 8 de maio para profesionais e para o público en xeral.Tamén se poderá degustar e mercar pan romano o 17 de maio na Praza Maior.
Carmen Basadre tamén deu a coñecer que o día 10 de maio ás 17 horas comezará unha ruta xeolóxica Lugo pedra a pedra que sairá dende a Praza de San Marcos para percorrer e coñecer a historia e curiosidades das pedras romanas da cidade. Os interesados poderan inscribirse a través do 010.  Para os máis pequenos tamén haberá xogos romanos en diferentes prazas da cidade e que comezará o 17 de maio na Praza Maior, o 24 de maio na Praza Mestre Matias Garcia Bernal de Fingoi, e o 31 de maio na Praza de Augas Férreas. Durante os meses de abril e maio tamén se están realizando diferentes charlas nos colexios da cidade organizadas polo servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo.

Para aqueles veciños e veciñas que queiran preparar a súa vestimenta de cara o Arde Lucus poderán facelos nos diferentes obradoiros que se celebran na Casa da Xuventude todos os sábados entre o 26 de abril e o 7 de xuño a partir das 11 horas e para os que non fai falta inscrición previa.

Por outra parte, as conferencias organizadas pola asociación Cohors III Lucensium, comezan o 9 de xuño, co historiador Jose María Costa García explicará O exército romano na Hispania do Alto Imperio. A seguinte sesión será o día 10 de xuño impartida polo grupo arqueolóxico de Tomás Vega Avelaira sobre Equipamento militar romano. Finalmente, o mércores 12 de xuño, David González Álvarez da Universidade Complutense de Madrid, departirá sobre a Arqueoloxia do bellum Asturicum: a conquista romana do occidente cantábrico. Todas estas conferencias terán lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo ás 20:30 horas.

En canto ás visitas culturais guiadas terán lugar os días 17, 18 e 24 de maio, dende as 11 da mañá, e formaranse grupos de ata 25 persoas para cada unha das visitas. Estas serán visitas ao Lugo Romano, coñecendo os puntos máis destacados da cidade. Os grupos de visita completaranse por orde de inscrición que se poderá facer a través do teléfono 010.

Multimedia

Noticias relacionadas