O I Cuadrangular de futsal feminino Volta ao Cole, co que colabora o Concello, recollerá material escolar

Ana González Abelleira, Beatriz Puente e Ginés Plaza presentaron este torneo solidario que terá lugar o sábado 17 de setembro no Pavillón Municipal da Casa do Deporte

Mércores, 14 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O I Cuadrangular de futsal feminino Volta ao Cole, co que colabora o Concello, recollerá material escolar

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a Presidenta do club Lieders Futsal, Beatriz Puente, e o Presidente de Cáritas Lugo, Ginés Plaza, presentaron este mércores no Salón de Plenos o I Cuadrangular de futsal feminino Volta ao Cole a prol da recollida de material escolar.

Ana González Abelleira lembrou que “se trata da solidariedade a través do deporte e de institucións como o Concello e Cáritas, que colaboramos para facilitarlle a vida aos nenos e nenas que teñen dificultades para adquirir o material escolar”.

A edil tamén animou a toda a cidadanía a “colaborar con esta iniciativa solidaria, que tamén pon en valor o deporte feminino, algo polo que dende a entidade local estamos apostado”. Deste xeito, a través deste torneo recolleranse cadernos de debuxo, ceras de cores, compás, cadernos, bolígrafos, ou calculadoras científicas, entre outros.

Pola súa banda, Beatriz Puente dixo que “o club Lieders Futsal fundouse coa finalidade de que a súa actividade tamén transcendera do ámbito deportivo, polo que coincidindo co inicio do curso escolar, xurdiu esta idea para presentar o club e axudarlles ás familias que teñen dificultades económicas”.

Ginés Plaza agradeceu a organización deste evento e a colaboración do Concello, recordando o importante traballo que leva realizado Cáritas. Tamén aproveitou para denunciar que saíra tan caro educar aos nenos e nenas, polo que pediu que o goberno autonómico tivera unha sensibilidade especial e reclamou a gratuidade dos libros de texto, xa que moitas familias teñen dificultades para poder mercar os libros dos seus fillos e fillas.

As semifinais deste torneo solidario celebraranse o sábado 17 de setembro no Pavillón Municipal da Casa do Deporte, disputaranse ás 16:00 horas entre o FSF Castro e o Vilasar CFS, ás 17:00 horas será entre o Lieders Futsal e o Quiroga FSF, posteriormente ás 18:00 horas entre o terceiro e o cuarto posto, e a final terá lugar ás 20:00 horas.

+INFO

Noticias relacionadas