O Grupo Alsa apoia o Arde Lucus cun 25% de desconto nos seus billetes con destino a Lugo

Xoves, 10 de maio de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, anunciou esta mañá que se chegou a un acordo coa empresa Grupo Alsa para apoiar e participar no Arde Lucus.

Carmen Basadre destacou que ”chegamos a un acordo entre o Concello de Lugo e o Grupo Alsa para facer un desconto do 25% a todas as persoas que queiran achegarse a desfrutar o Arde Lucus”, que se celebra os días 22, 23 e 24 de xuño. Ademais, segundo destacou a responsable da área de Xuventude, o compromiso base é facer unha promoción da festa por toda España a través dos recorridos que o Grupo Alsa realiza. Neste sentido comprometéronse a emitir un vídeo de 20 minutos sobre o Arde Lucus e o que representa para a cidade no canal de entretemento a bordo dos que dispoñen todos os autobuses.

Outra das novidades é que na páxina web (www.alsa.es) vai haber un banner onde se poderá obter toda a información para a compra dos billetes e sobre a programación do Arde Lucus. Dende esta aplicación farase o desconto do 25% para aquelas persoas que merquen un billete para a cidade de Lugo entre os días 19 e o 26 de xuño. Carmen Basadre explicou que “se trata dun acordo moi importante non só para nós, senón tamén para todas as persoas que queiran vir desfrutar da nosa festa que van ter unha redución do prezo dos billetes. Algo moi significativo na época económica que estamos pasando”.

Pastel do Arde Lucus
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, tamén informou que na tarde-noite de hoxe se vai escoller, no restaurante Manuel, Manuel, a tarta ou pastel oficial do Arde Lucus. Nesta convocatoria na que participan diferentes pasteleiros da cidade, farase unha cata e escollerase de entre todas as propostas o doce que mellor represente á festividade. Estes teñen que estar elaborados con produtos típicos da época Antiga.

www.ardelucus.com

Multimedia

Noticias relacionadas