Os disfraces individuais, os de parellas e as comparsas, que encheron Lugo de música, humor e cor, foron pasando ante numerosas persoas que se achegaron a ver o desfile
Os participantes no Gran Concurso de Disfraces do Concello concentráronse ás cinco da tarde deste Martes de Entroido no Mercado Municipal para logo desfilar pola praza de Santo Domingo, a rúa da Raíña e chegar á Praza Maior, nun percorrido que a choiva respectou. Diante da Casa Consistorial e con José Areñas como xefe de cerimonias, os disfraces individuais (11), os de parellas (6) e as comparsas (12), que encheron Lugo de música, humor e cor, foron pasando ante numerosas persoas que se achegaron a ver o desfile.
A entidade local repartiu uns 6.650 euros en premios entre os participantes, que valorou un xurado composto este ano por: José Blázquez, artista multidisciplinar, Luis Areñas, deseñador de moda, e Olga Díaz, representante da Asociación Cultural Pepe Barreiro.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, e os membros do xurado, entregáronlles os premios aos gañadores desta edición, que foron os seguintes:
Categoría Individual
- 1º premio de 500 €: La ira de una diosa.
- 2º premio de 300 €: Pavoneándose por Lugo.
- 3º premio de 200 €: Capitán Babuíno.
- 3 accésits de 50 € cada un: Engaoilado polo Entroido; A raíña dos legumes e Mis medicinas.
Categoría Parellas
- 1º premio de 600 €: O natural é fabul-oso.
- 2º premio de 400 €: Fóisonos a pinza.
- 3º premio de 300 €: Las enlatadas y olé.
- 3 Accésits de 100 € cada un: El oráculo del destino; Bender e Flexo e Nuestras cucharillas se visten de gala.
Categoría Comparsas
- 1º premio de 1.100 €: Los empapelaos de Montironi.
- 2º premio de 800 €: O xardín de Triscos.
- 3º premio de 600 €: A arca do Xosé.
- 7 Accésits de 200 € cada un: O feitizo das xacias do bosque do Caurel; Revolución ¡a cabeza non para!; Volando voy; Disfrutando na charca; Jas_tas_roda Custom Club; Imserso molón e As criaturas do bosque máxico.
As actividade de Entroido rematarán mañá co Velorio da Sardiña, a procesión de Santa Compaña e o enterro da Sardiña, así como o concurso de ferretes, que poñerán o broche de ouro ao Entroido.