O Goberno vincula a aprobación do Orzamento 2018 a unha cuestión de confianza

A Alcaldesa: “No Pleno quedou de manifesto que podían saír seis proxectos orzamentarios distintos porque un orzamento marca as prioridades e cada grupo ten as súas. Aínda así, como se dixo no debate, a inmensa maioría das propostas que levamos nestas contas poderían compartirse”

Ana Prieto: “Lugo necesita uns orzamentos para a dotación e mellora de servizos e infraestruturas, para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e para impulsar a economía e a creación de emprego. Canto antes contemos con este instrumento para o impulso da cidade, mellor para a veciñanza”

A Concelleira de Emprego explicou no Pleno de hoxe á Corporación o presuposto “máis investidor da última década”, cunha suba dun 40%; que destina unha cuarta parte a políticas sociais e baseado en propostas con respaldo social e plenario

Xoves, 21 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno local vincula a aprobación do Orzamento 2018 a unha cuestión de confianza que se abordará en Pleno a vindeira semana, tras non saír adiante a aprobación inicial das contas na sesión plenaria celebrada este xoves. A Corporación deu en cambio luz verde ao Plan Económico Financeiro (PEF) que tivo que elaborar o Concello ao incumprir a Regra de Gasto no 2016 por pagar as expropiacións do Carme.

A Alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que no Pleno de hoxe “o que quedou de manifesto é que sen lugar a dúbidas podían saír seis proxectos orzamentarios distintos porque do que se trata nun orzamento é de marcar as prioridades e cada grupo ten prioridades distintas. Aínda así, como se dixo no propio debate, a inmensa maioría das propostas que nós levamos nestas contas poderían compartirse. Nós defendemos un orzamento para seguir implantando un modelo de cidade no que levamos traballando desde que comezamos o mandato coa consecución de fondos europeos. Este orzamento, como xa manifestei fai dous días no Debate do Estado da Cidade, no CES e tamén nos medios, é investidor e social”.

“Lugo, os cidadáns de Lugo, necesitan un Orzamento para a dotación e mellora de servizos e infraestruturas, é dicir, para mellorar a súa calidade de vida, e para impulsar o desenvolvemento económico e a creación de emprego. Canto antes contemos con este instrumento para o impulso da cidade, mellor para os nosos veciños e veciñas”, destacou pola súa banda a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

A edil explicou á Corporación que o Goberno someteu a debate e aprobación do Pleno conxuntamente o PEF e o proxecto de Orzamentos 2018 porque “son dous documentos indisolubles, dado que o Plan Económico Financeiro fixa o teito de gasto do Orzamento do 2018. Polo tanto, sen PEF non podiamos rematar a redacción do proxecto presupostario”.

Antes do verán “comezamos dende o servizo municipal de Economía a traballar no PEF, en setembro contratamos a súa elaboración porque non dispoñemos de recursos para poder elaboralo e o 23 de outubro enviámosllo por primeira vez á Xunta de Galicia, coa que dende entón traballamos man a man para recibir o seu visto bo”, asegurou Ana Prieto. O luns 11 de decembro, o Concello acadou o prace definitivo da Administración autonómica, que deu como prazo ata mañá, día 22, para remitirlle o acordo plenario da aprobación do documento, dado que pola súa parte deben tamén concluír a tramitación do mesmo.

O Plan Económico Financeiro implica que o Concello se compromete a respectar o límite de gasto que marque o Goberno do Estado nas liquidacións do presente exercizo 2017 e no de 2018.

Foi o día 11 de decembro, ao recibir luz verde da Xunta ao PEF, cando o Goberno iniciou o procedemento administrativo para tramitar a aprobación do proxecto de Orzamentos: o día 13 aprobouse na Xunta de Goberno; o 15 expúxose ao Consello Económico e Social; este luns día 18 abordámolo na Comisión de Contas e hoxe sometémolo a debate no Pleno.

Investidor

A Concelleira de Economía destacou que o presuposto para o vindeiro ano, de 95.375.882,78€, supón un incremento do 5% con respecto ao último aprobado, o de 2016, e caracterízase por ser “o máis inversor dos últimos anos. Temos que remontarnos ao 2009, fai unha década, para encontrar una contía económica tan elevada nos capítulos 6 e 7, de Investimentos Reais e Transferencias de Capital, tanto en termos absolutos, como proporcionais ao total do Orzamento”. Así, para o 2018 aumenta o investimento ata nun 40%, esto é, en máis de 6M€,

Social

É un Orzamento marcadamente social, asegurou a Concelleira, pois “mantemos o esforzo económico coas políticas sociais destinando 23M€, o que supón unha cuarta parte do total, para desenvolver accións que garanten unha rede de seguridade  e melloran a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”. Deste xeito, Lugo segue sendo o Concello de Galicia e un dos primeiros de toda España con máis investimento social. Contémplanse 3M€ para a promoción do emprego, aínda sendo unha competencia impropia, entre os que figura a provisión necesaria para o arrendamento dos locais comerciais da Tinería co fin de crear un viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus.

Respaldo social e plenario

Son tamén, afirmou Ana Prieto, unhas contas baseadas en propostas que contan con respaldo, ben social, ben da propia Corporación. Como exemplo dalgunhas iniciativas recollidas nas contas que foron aprobada polo Pleno figuran moitas das incluídas no Plan de Barrios, os Orzamentos Participativos, a ampliación do parque infantil de Campos Castelo, o remate da biblioteca da Piringalla, a peonalización da Calzada Romana, a descontaminación dos solos do Carmen, un novo canil ou a convivencia modal das bicicletas.

Contas saneadas

Así mesmo, é un Orzamento con débeda cero, o que significa que mantén unha economía saneada e a capacidade do Concello de financiar con recursos propios tanto os gastos correntes como os investimentos.

Ingresos

En canto ao Capítulo de Ingresos, a edil explicou que, como figura no Informe do Interventor, a previsión de ingresos de natureza tributaria baséase nos informes do Servizo Municipal de Facenda Local, que segue “criterios de valoración razoables e verosímiles en función do estado de execución dos distintos conceptos no exercizo 2016 e a proxección a 31 de decembro do 2017”.

Dentro das Operacións Correntes, Prieto sinalou un aumento do importe de ingresos previsto polas Taxas, Prezos Públicos e Outros Ingresos, en concreto no referido aos servizos de abastecemento de auga, saneamento e lixo entre a liquidación do 2016 e a previsión do 2018. Isto débese, segundo a Concelleira, a que “na Liquidación do 2016 está sen incluír o último período de cobro dese ano, tanto do ciclo da auga como do lixo, contías que se incorporarán a este 2017”.

Polo demais, no Capítulo de Ingresos, Ana Prieto destacou o importante incremento dass Transferencias Correntes, nun 9%, ata os 24,2M€, e das Transferencias de Capital, nun 57%, ata os 5,6M€. “Aquí visualízase o éxito do Goberno na captación de fondos europeos, porque o groso deste aumento nos ingresos corresponde a transferencias correntes e de capital da Unión Europea”, recalcou a responsable municipal de Economía.

Gastos

En canto ao Capítulo de Gastos, mantense o Capítulo I –Gastos de Persoal- en 8,3M€.

Sube en 1,6M€ o Capítulo II –Gastos Correntes- pola incorporación de fondos europeos e dos contratos de xestión do Vello Cárcere e o Edificio de Novas Tecnoloxías, o servizo de vixilancia dos centros de convivencia ou o prego dos Museos. O Capítulo III –Gastos Financeiros- redúcese a 49.100€ pola débeda cero, porque se liquidan todos os préstamos bancarios. O Capítulo IV -Transferencias Correntes-, mantense en 6M€. Aquí contémplanse as subvencións municipais ao tecido asociativo da cidade, tanto do ámbito social, como cultural, educativo e deportivo. “Grazas ás asociacións, clubs deportivos e entidades, o Concello de Lugo pode chegar a realizar e dar cobertura a multitude de persoas, ás que non podería chegar se todo o esforzo o tivese que realizar só a Administración local”, asegurou a Concelleira.

Os Capítulos VI e VII –Investimentos Reais e Transferencias de Capital- pasan dos 9 aos 15,2M€, fundamentalmente pola incorporación dos fondos europeos, o que supónun incremento do 40% con respecto ao 2016. Nos Investimentos, detallou Prieto, figura a provisión económica para proxectos tan importes como:

-       O Plan de Barrios (2,5M€)

-       Presupostos Participativos (400.000€)

-       Un novo modelo de mobilidade e acceso ao casco histórico (300.000€)

-       Os ascensores de Fontiñas e Sagrado Corazón (500.000€)

-       O remate da biblioteca da Piringalla (1M€)

-       A mellora de parques  infantís (190.000€)

-       Melloras no CEIP As Gándaras (60.000€)

-       Un novo canil na rúa Serra de Ancares (60.000€)

-       A área pública de baño do Miño, cunha provisión de 250.000€ da Deputación

-       Dotación e mellora de servizos no rural (1,3M€)

-       A urbanización do entorno do novo CEIP do Sagrado Corazón (120.000€)

O Capítulo IX –Débeda- queda a cero cos bancos.

Fondos europeos

No Orzamento contémplanse 9,3 correspondentes a proxectos cofinanciados polo Concello e a UE, dos cales:

-       8,2M€ (5,4M€ no Capítulo de Investimentos Reais e 2,8 no de Gastos Correntes) están destinados a desenvolver a estratexia DUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, que ten como obxectivo eliminar a discontinuidade urbana entre a cidade e o río e contempla actuacións como a peonalización da Calzada Romana, a reforma da Volta da Viña e a súa conexión co parque Marcos Cela, a pasarela peonil entre as marxes da N-VI e a recuperación do paso inferior da Nacional e súa desembocadura no Pazo de Feiras, así como accións formativas.

-       823.000€ para o Lugo, Smart City, destinado a avanzar na implantación da Administración Electrónica e aproveitar as novas tecnoloxías para ofrecer un mellor servizo público á cidadanía, coa xestión intelixente, por exemplo, de aparcamentos en superficie, recollida do lixo, alumeado, consumo enerxético de edificios públicos ou contadores da auga.

E 285.000€ para o Lugo+Biodinámico, para continuar desenvolvendo unha estratexia de planificación urbana sostible e introducir en Lugo un novo modelo productivo baseado no uso da madeira como elemento estrutural de construción. Entre outras accións, prevé a creación dun edificio de madeira con consumo enerxético cero.

Audios

Noticias relacionadas