O Goberno ten obras adxudicadas ou en marcha por 1,6M€

Hoxe aprobou a licitación do proxecto para a construción dunha glorieta no cruce das rúas Manuel María, Santo Grial e Mar Cantábrico, un proxecto do Plan de Barrios que cumpre cunha demanda veciñal para mellorar a seguridade vial

Mércores, 12 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores licitar o proxecto para a colocación dunha glorieta no cruce entre as rúas Manuel María, Santo Grial e Mar Cantábrico, no barrio da Piringalla, unha actuación coa que o Executivo de Lara Méndez cumpre unha demanda veciñal e dos grupos políticos que contribuirá a mellorar a seguridade de peóns e conductores, así como a fluidez do tráfico. O proxecto conta cun orzamento próximo aos 130.000€ e un prazo de execución de catro meses.

Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, que aproveitou a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno para facer balance das obras en marcha ou adxudicadas dende a entrada en vigor dos Orzamentos hai catro meses. Estas actuacións suman 1,6M€ e entre elas están infraestruturas que supoñerán unha gran mellora da mobilidade, como a instalación dun ascensor público en Fontiñas ou a creación de 566 novas prazas de estacionamento entre os aparcamentos disuasorios e o párking do HULA.

Ademais dos proxectos en marcha ou adxudicados, que demostran “unha intensa actividade” do Concello, subliñou Fernández, a día de hoxe están en proceso de licitación obras por valor de máis de 800.000€.

Obradoiros de emprego

Por outra banda, o voceiro municipal tamén informou de que hoxe foron aprobadas por Xunta e Concello as bases de selección do persoal para a posta en marcha do novo obradoiro de emprego Fórum 4.0, concedido á entidade local pola Administración autonómica.

A oferta pública de emprego e a selección faraa de feito a Xunta entre esta semana e a seguinte. Neste senso, o Goberno local lamenta o retraso que tivo este ano a Xunta na resolución da convocatoria de obradoiros e na convocatoria da comisión mixta para a aprobación das bases, o que esixe agora unha premura excesiva para a selección de persoal e a posta en marcha desta accións. De feito, a Xunta notificou de maneira oficial ao Concello a semana pasada a concesión do obradoiro Fórum 4.0 e ten que estar en funcionamento xa antes de finalizar o mes. Ademais, antes de transmitirllo á entidade local, xa o fixera público aos medios, como tamén fixo co outro obradoiro concedido InteracTICvate, do que, a día de hoxe, o Concello non ten notificación oficial.

O obradoiro 4.0 prevé a formación de 16 persoas, ademais da contratación de outras tres para a súa execución, entre dirección e monitores. As especialidades son Confección e Publicación de Páxinas Web, no que se prevé a creación dun portal de divulgación e difusión dos patrimonio lucense; e Xestión de Márketing e Comunicación, dirixido a poñer en valor a riqueza patrimonial como factor de desenvolvemento e a potenciar a marca Lugo Romano como destino.

Audio

Noticias relacionadas