O Goberno sube en máis de 52.000 euros as axudas para asociacións de servizos sociais

O Plan Estratéxico de Subvencións incorpora orzamento para un proxecto conxunto de Alume e Cruz Vermella co fin de reforzar a atención a persoas sen fogar con enfermidade mental; dous novos taxis adaptados; e o mantemento dun piso de acollida para mulleres vítimas de trata

A Xunta de Goberno ratificou o texto definitivo do convenio coa Xunta para construír o novo colexio do Sagrado Corazón, tras non presentarse ningunha alegación no período de exposición ao público

Mércores, 11 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a modificación e actualización do Plan Estratéxico de Subvencións correspondente a este 2017, no que se incorpora un incremento de máis de 52.000 euros nas axudas nominativas para asociacións do ámbito dos servizos sociais, tal e como explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández. Deste xeito, o plan de subvencións municipal incorpora como novidades unha partida de 43.457 euros para o desenvolvemento dun proxecto conxunto entre a Cruz Vermella e a asociación de axuda a persoas con enfermidade mental Alume destinado a reforzar a atención na rúa e chegar a máis persoas sen fogar ofrecéndolles recursos para afrontar a súa situación de vulnerabilidade; 4.000 euros para os dous novos taxis adaptados cos que conta o municipio, e co que a día de hoxe Lugo é a cidade de Galicia con máis vehículos deste tipo ao contar cun total de 5; e 5.260 euros para o mantemento dun piso de acollida para mulleres vítimas de trata que xestiona Aliad Ultreia no marco do programa Donas.

Este incremento responde ao compromiso do Goberno coas políticas sociais co fin de “manter unha rede forte de protección social e que ninguén se quede atrás”, subliñou Fernández.

O orzamento do Plan Estratéxico de Subvencións 2017 é de 4,4 millóns de euros, dos cales 1,1 corresponden a axudas nominativas, montante que, por áreas, se distribúe do seguinte xeito:

- Servizos Sociais: 253.957€

- Muller: 32.360€

- Sanidade: 60.000€

- Cultura: 112.000€

- Deportes: 631.500€

- Participación Cidadá: 33.000€

- Educación: 30.000€

Colexio do Sagrado Corazón

A Xunta de Goberno ratificou o texto definitivo do convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Educación para a construción dun novo Centro de Educación Infantil e Primaria no barrio do Sagrado Corazón, tras expoñerse ao público sen que se presentase ningunha alegación.

A través deste acordo, o Sagrado Corazón contará cun novo colexio. Para elo, o Concello puxo a disposición da Xunta 10.046 metros cadrados de terreo para levantar o centro educativo, unhas parcelas cedidas a través de acordos urbanísticos (8.777 metros cadrados) e de expropiacións acordadas (1.269 metros).

Coa previsión de comezar a principios do 2018, a Xunta construirá o colexio en dúas fases: a primeira de construcción do edificio principal do colexio, e a segunda, para equipamento deportivo -pista e polideportivo, así como patio e espazos libres-, tras conceder a entidade local as pertinentes licenzas. Posteriormente, o mantemento e a conservación do centro corresponderalle ao Concello.

Por outra banda, na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou tres proxectos de particulares para a mellora da accesibilidade na rúa Aviación Española, Ronda das Mercedes e rúa Lopo Lías, cun orzamento total de 21.800€.

Audio

  • Xunta de Goberno, sobre as axudas para asociacións de servizos sociais | Descargar mp3

Noticias relacionadas