O Goberno sobe un 40% os investimentos no 2018 para materializar o seu modelo de cidade: máis humana e accesible

A Alcaldesa presentou o Orzamento “máis investidor dos últimos anos”, de 95,3M€, un 5% máis que o do 2016, coas persoas “no centro de toda acción municipal” e que mantén ao mesmo tempo o esforzo polas políticas sociais: o 24% dos presupostos

Contempla un Plan de Barrios (2,5M€), presupostos participativos (400.000€), un novo modelo de mobilidade e acceso ao casco histórico (300.000€), os ascensores de Fontiñas e Sagrado Corazón (500.000€), o remate da biblioteca da Piringalla (1M€) e a mellora de parques  infantís (190.000€)

O éxito do Goberno de Méndez na captación de fondos europeos reflíctese nas contas. Incorpóranse 9,3M€, dos cales 8,2 son para desenvolver o Muramiñae, da Muralla ao Miño; 823.000 para o Smart City e 285.000 para o Lugo+Biodinámico

“Comezamos o mandato na procura de financiamento para agora poder facer realidade o noso modelo de cidade, mantendo o esforzo económico pola política social”, subliñou Lara Méndez

Mércores, 13 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno sobe un 40% os investimentos no 2018 para materializar o seu modelo de cidade: máis humana e accesible

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, presentou este mércores nun almorzo informativo cos medios de comunicación o proxecto de Orzamentos do 2018, que aprobou hoxe a Xunta de Goberno en sesión extraordinaria. “É o Orzamento máis investidor dos últimos anos”, de 95.375.882,78€, un 5% máis que os do 2016, os últimos aprobados, nos que os investimentos aumentan ata un 40% -de 9M€ pasan a 15,2-, co fin de “materializar o noso modelo de cidade, coas persoas no centro de toda a acción municipal e baseado na dotación de servizos, a humanización de espazos e a mellora da mobilidade”, explicou Méndez. Ao mesmo tempo, o Goberno mantén o esforzo económico coas políticas sociais, que suman 23M€, o que supón o 24% do total do Orzamento.

Entre as actuacións contempladas nos presupostos coas que o Goberno materializará o seu modelo de cidade, a rexedora destacou os seguintes:

- Plan de Barrios: 2,5M€: un millón máis que no borrador de orzamentos do 2017 porque “detectamos máis necesidades e demandas, e porque hai máis acordos plenarios aprobados”, explicou Méndez, dado que se trata dunha iniciativa que permitirá responder o mellor e máis áxil posible ás necesidades da veciñanza, pero tamén cumprir moitos acordos adoptados pola Corporación no Pleno. Como exemplos das actuacións aprobada polos grupos municipais que incluirá o plan, figuran o acondicionamento das rúas Vila de Sarria, Calzada das Gándaras, Río Sar, García Portela e Carril dos Fornos. Ademais das infraestruturas urbanas básicas, como asfaltado, beirarrúas, sumidoiros, abastecemento, mobiliario urbano e zonas verdes, o Plan de Barrios busca dotar tamén ás distintas zonas da cidade de “elementos identitarios, e da apertura de espazos e de lecer e convivencia” porque “fan pobo e cidade”. Terá unha asignación económica por barrios para chegar a todos os lucenses.

- Orzamentos Participativos: 400.000€. “Queremos abrir unha canle directa entre a cidadanía e a Administración para que nos fagan chegar as súas peticións”, asegurou a Alcaldesa, incidindo en que os presupostos participativos reforzan deste xeito o Plan de Barrios coa dotación económica directa a propostas de colectivos, entidades ou persoas individuais.

- Novo sistema de mobilidade e acceso ao casco histórico: 300.000€. Consistirá, segundo explicou Lara Méndez, en cambios na organización do tráfico intra murallas para actualizala á realidade urbana actual de Lugo, así como para avanzar cara a peonalización completa do casco vello, poñer en valor o patrimonio e desincentivar o vehículo privado. Basearase en tres medidas: a substitución de bolardos por lectores de matrícula que identifican aos coches que teñen permiso de acceso, cambios nos itinerarios de entrada e saída, e reaxuste dos horarios de carga e descarga. Este novo modelo de mobilidade no centro histórico súmase a outras medidas iniciadas polo Goberno neste senso, como as Zonas 30, os aparcamentos disuasorios ou unha App para a xestión do aparcamento en superficie.

- Accesibilidade: 560.000€. Esta partida inclúe a construcción dos ascensores nos barrios de Fontiñas (255.000€) e o Sagrado Corazón (250.000€), así como melloras no CEIP As Gándaras (60.000€). Isto suporá un novo avance cara a accesibilidade universal e o reforzo da cidade como referente europeo nesta materia, tal e como quedou certificado coa participación da Alcaldesa a semana pasada nun congreso en Bruxelas invitada pola Comisión Europea.

- Centro social da Piringalla: 1M€. O Orzamento do 2018 contempla a partida necesaria para rematar a construción do edificio para funcionar como centro sociocultural, o que salda “unha débeda” cos veciños e cumpre tamén un acordo plenario, indicou Méndez.

- Ampliación e mellora de parques infantís: 190.000€. A partida, explicou a rexedora, servirá para ampliar o parque de Campo Castelo, “unha actuación moi necesaria e demandada”, e cubrir o de Augas Férreas.

Outros dos proxectos destacados son a urbanización do entorno do novo CEIP do Sagrado Corazón (120.000€); un novo canil na rúa Serra de Ancares (60.000€) e a área pública de baño do Miño, cunha provisión de 250.000€ achegados pola Deputación de Lugo, nunha nova mostra do seu “compromiso cos lucenses”, asegurou a Alcaldesa, que se suma a outras iniciativas ás que á institución provincial xa ten achegado financiamento, como o alumeado do Paseo do Rato, o Plan Único, a humanización da Avenida Infanta Elena ou a reposición do céspede de herba artificial dos campos de fútbol municipais da Chega e Frigsa.

Fondos europeos: 9,3M€

O éxito do Goberno de Lara Méndez na captación de fondos europeos –máis de 22M€ en dous anos e medio- plásmase agora nos orzamentos contribuíndo a avanzar nun modelo de cidade máis inclusiva e accesible.

Dos 9,3M€ correspondentes a proxectos europeos que están recollidos no Orzamento do vindeiro ano, 8,2 están destinados a desenvolver a estratexia DUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, (5,4M€ no Capítulo de Investimentos Reais e 2,8 no de Gastos Correntes). Este programa ten como obxectivo eliminar a discontinuidade urbana entre a cidade e o río e contempla actuacións como a peonalización da Calzada Romana, a reforma da Volta da Viña e a súa conexión co parque Marcos Cela, a pasarela peonil entre as marxes da N-VI e a recuperación do paso inferior da Nacional e súa desembocadura no Pazo de Feiras, así como accións formativas.

Para o programa Lugo, Smart City, o Orzamento recolle 823.000€, destinados a avanzar na implantación da Administración Electrónica e aproveitar as novas tecnoloxías para ofrecer un mellor servizo público á cidadanía, coa xestión intelixente, por exemplo, de aparcamentos en superficie, recollida do lixo, alumeado, consumo enerxético de edificios públicos ou contadores da auga.

O terceiro plan europeo con fondos no presuposto é o Lugo+Biodinámico, con 285.000€ de consignación, para continuar desenvolvendo unha estratexia de planificación urbana sostible e introducir en Lugo un novo modelo productivo baseado no uso da madeira como elemento estrutural de construción. Entre outras accións, prevé a creación dun edificio de madeira con consumo enerxético cero.

Dinamización do rural: 300.000€ para saneamento

A Alcaldesa dedicou un apartado propio ao rural polo “compromiso do Goberno para que os veciños e veciñas das nosas 54 parroquias, o 80% do territorio do concello, teñan os mesmos dereitos e servizos que os da zona urbana”. O Orzamento 2018 destina 1,3M€ a investimentos no rural, como a dotación de alumeado, asfaltado e roza, e tamén ao saneamento, cunha partida de 300.000 euros, “cumprindo coa palabra que lle demos aos veciños de achegar o 30% que deberá completar a Xunta co 70% da achega, e poder dispoñer así de 1M€ ao ano para avanzar na dotación deste servizo. Esperemos que a Xunta cumpra, como fai o Concello”.

Esforzo polas políticas sociais

Ao tempo que o Goberno acada o orzamento máis investidor dos últimos anos, mantén o esforzo económico coas políticas sociais, ás que destina 23M€, o que supón o 24% do presuposto total. “Queremos seguir sendo os primeiros de Galicia en investimento social e ir arañando postos a nivel nacional, non polo feito de subir no ranking, senón porque estaremos dando mellores prestacións ao eslabón máis débil da sociedade”, afirmou a Alcaldesa.

Méndez detallou que o investimento para Benestar Social ascende a 8,5M€, con servizos como axuda no fogar, os centros de convivencia, Fogar do Transeúnte, centros de día, Casa Domótica, Casa da Muller e emerxencia social; Cultura, con 5M€, con partidas para o contrato de atención dos museos, O Vello Cárcere, a Banda de Música, San Froilán e Arde Lvcvs; Educación, con 3,6M€, para, entre outros, escolas infantís, achega a Rof Codina, UNED e axudas a material escolar; Deportes, con 3M€, para a promoción do deporte e o mantemento e mellora de instalacións; e Emprego, con 3M€ para programas como o Inicia Coworking, obradoiros de emprego, Empregalia ou Mellora Lugo. Nesta última partida, o Goberno tamén inclúe a provisión necesaria para o aluguer dos locais comerciais da Tinería ao IGVS co fin de incorporalos ao CEI Nodus como viveiro de empresas e dinamizar deste xeito o barrio social e economicamente.  

Plan Económico Financeiro, un condicionante

A data límite fixada pola Xunta para remitir o acordo plenario de aprobación do Plan Económico Financeiro (PEF) -o 22 de decembro-, condicionou o calendario de tramitación dos Orzamentos 2018, tal e como explicou a Alcaldesa e a Concelleira de Economía. O Concello tivo que elaborar o PEF para poder tramitar o Orzamento 2018 por incumprir a Regra de Gasto imposta polo Goberno do Estado ao incorporar ao exercizo orzamentario de 2016 remanentes de crédito para poder pagar as expropiacións da Ronda do Carmen, máis de 4M€.

O Goberno comezou antes do verán a traballar neste documento, cuxa elaboración externalizou contratándoo a un catedrático da USC membro do Concello de Contas dada a escaseza de persoal municipal, que afecta sobre todo a servizos como o de Intervención. Dende outubro, cando o Concello enviou por primeira vez o PEF á Xunta, traballou man a man coa Administración galega para obter o visto bo, que recibiu este mesmo luns, cando precisamente por iso arrancou todo o procedemento administrativo para tramitar e aprobar os Orzamentos.

Deste xeito, tendo en conta que o luns a Xunta deu o prace ao Plan e que o 22 como máximo o Concello ten que remitirllo aprobado polo Pleno, hoxe tivo lugar a Xunta de Goberno extraordinaria para aprobar o presuposto, este venres celebrase o Consello Económico e Social, o luns a Comisión de Contas e o xoves 21 o Pleno.

A Concelleira de Economía insistiu en cualificar a Regra de Gasto como “unha imposición inxusta do Goberno central do PP” porque a aplica a todos os municipios de España “como táboa rasa, sen ter en conta se están economicamente saneados ou non, como si o está o de Lugo”. De feito, “é ilóxico que se nos aplique esta Regra, cando, como se pode comprobar no proxecto de Orzamentos do 2018, aumentamos os investimentos mentres acadamos a débeda financeira cero”. “Podemos dicir que incumprir a Regra de Gasto é no noso caso un efecto secundario de ter unha economía saneada. Penalízasenos por investir”, subliñou Prieto.

Aprobación

En canto aos apoios da Corporación para aprobar en Pleno os Orzamentos, a Alcaldesa, quen mantivo contactos cos grupos que apoiaron a súa investidura, dixo confiar en que os grupos “terán altura de miras, responsabilidade e anteporán o ben da cidade”, engadindo que “resulta moi difícil de explicar o non a un presuposto que contempla actuacións que contan con respaldo, ben plenario ou ben social, e sen os que ademais correríamos o risco de perder os 22M€ de fondos europeos que tanto nos custou conseguir aos lucenses”.

Lara Méndez concluíu que o seu Goberno comezou o mandato na procura de financiamento “para agora poder materializar o noso modelo de cidade, que tivemos claro dende un principio como demostra que así o plasmamos nas convocatorias aos fondos europeos, mantendo ao mesmo tempo o esforzo económico polas políticas sociais”.

Documento

  • Resumo do capítulo de gastos dos Orzamentos 2018 | Descargar pdf

Vídeo

Multimedia

  • O Goberno sobe un 40% os investimentos no 2018 para materializar o seu modelo de cidade: máis humana e accesible
  • O Goberno sobe un 40% os investimentos no 2018 para materializar o seu modelo de cidade: máis humana e accesible
  • O Goberno sobe un 40% os investimentos no 2018 para materializar o seu modelo de cidade: máis humana e accesible

Noticias relacionadas