O Goberno saca a concurso a cafetería, con vistas á Muralla, do Vello Cárcere e a xestión deste centro sociocultural

O servizo de cafetería poderá prestarse todos os días do ano, de oito da mañá ás doce da noite. Deberá ofertar menús variados e un menú do día, así como produtos de Comercio Xusto, un menú con alimentos de Agricultura Ecolóxica e outro adaptado para persoas celíacas

A Xunta de Goberno deu luz verde á licitación, por un período de 5 anos e un importe mínimo de canon a satisfacer ao Concello de 2.000 euros ao mes

A duración do contrato de xestión do centro será dun ano e o orzamento duns 352.000 euros. O Vello Cárcere abrirá de luns a domingos, un total de 18.982 horas, e contará con 10 profesionais
Aprobado o prego para ampliar os horarios dos museos e da Oficina Municipal de Turismo nun 75%, abrindo máis de 25.400 horas ao ano

Mércores, 04 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou sacar a contratación a explotación do servizo de cafetería-restaurante do Vello Cárcere, por un período de 5 anos, prorrogable anualmente ata dez, e un importe mínimo de canon a satisfacer ao Concello de 2.000 euros ao mes.  Así o explicou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen deu a coñecer o prazo de presentación de proposicións, que será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello, aloxado na Plataforma de contratación do sector público.

O servizo de cafetería poderá prestarse todos os días do ano, en horario de oito da mañá ás doce da noite ou respectando o horario autorizado para este tipo de actividade en cada momento pola lexislación se este forma menor. Deberá ofertar menús variados, así como un menú do día, que incluirá primeiro e segundo prato, sobremesa e bebida a elixir. Así mesmo, deberá incluír na carta produtos que conten coa cualificación de Comercio Xusto, un menú elaborado con alimentos procedentes da Agricultura Ecolóxica e un menú completo adaptado para persoas celíacas. As comidas serán elaboradas pola adxudicataria na propia cociña do centro e non poderán dispoñerse máquinas expendedoras nin máquinas de xogos de ningún tipo.

A cafetería está equipada con 16 mesas e 32 cadeinas no espazo xeral das instalacións, 8 cadeiras altas na barra, 4 mesas e 8 cadeiras altas na zona da fiestra fronte á barra, e 8 mesas e 24 cadeiras na terraza. Será por conta da empresa adxudicataria a instalación de toda a maquinaria, ferramenta e aparellos necesarios para o desenvolvemento da actividades.

Na sesión deste mércores, tamén se deu luz verde á contratación do servizo de xestión deste centro sociocultural. A duración do contrato será dun ano, podendo prorrogarse por períodos máximos anuais, sen que a duración total do contrato poida exceder de cinco anos; e o orzamento de 352.176,26 euros.

O centro abrirá de luns a domingos, un total de 18.982 horas, e contará con 10 profesionais divididos nas áreas de traballo de coordinación, recepción, tecnoloxía e audiovisual, divulgación artística, espazo didáctico -que inclúe a biblioteca-, e un espazo de lecer infatil. A maiores establécese unha bolsa de 500 horas anuais para servizos extraordinarios.

O prazo de presentación de proposicións será de 35 días naturais contados dende a data de envío do anuncio de licitaicón á Oficina de Publicacións da Unión Europea.

Estes servizos para o Vello Cárcere súmanse ao de vixilancia do centro, cuxo prazo de presentación de ofertas remata este venres. Terá unha duración dun ano e o orzamento é de 95.000 euros.

Oficina Municipal de Turismo e centros museográficos

Carmen Basadre tamén avanzou que a Xunta de Goberno acordou sacar a contratación a prestación do servizo de apertura e atención ao público da Oficina Municipal de Turismo, dos centros museográficos municipais, e o punto de información turística de verán; co obxecto de ampliar o horario destas instalacións municipais para a promoción da riqueza histórica, patrimonial e cultural de Lugo.

Tal e como manifestou a edil, "co novo prego, as instalacións abrirán unhas 18.500 horas máis do que abrían ata o de agora, e en total son máis de 25.400 horas, o que supón un 75% de incremento con respecto a día de hoxe". Ademais existe unha bolsa de 500 horas para necesidades extraordinarias. Contarase con 7 traballadores nos museos, 2 na Oficina Municipal de Turismo e un 1 no punto de verán.

O prazo de presentación de proposicións será de 35 días naturais contados dende a data de envío de anuncio á Oficina de Publicacións da Unión Europea. O orzamento para a primeira anualidade ascende a 590.713 euros e o contrato será por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga por dous anos máis. 

Este novo prego distinguirá o servizo de información turística, a Oficina de Turismo, do servizo de atención museística, especializando así os dous servizos. Así mesmo e a maiores da ampliación do horario, contémplase a mellora das condicións laborais das persoas trabaladoras, un servizo pedagóxico, que se situará no MIHL, e maior especialización das visitas guiadas.

  • Horarios de apertura co prego novo
  • Casa dos Mosaicos, Centro Arqueolóxico San Roque, Sala de Exposicións Porta Miñá e MIHL

Horario de inverno, vixente do 1 de xaneiro ao 31 de maio e do 15 de decembro ao 31 de decembro (excepto Semana Santa e Nadal):

-De martes a venres de 10:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:30 horas

-Sábados, domingos e festivos, de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 19:30 horas

-Pechados os luns, excepto festivos

Horario de verán, vixente do 1 de xuño ao 14 de outubro:

-Todos os días de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas

Horario de Semana Santa, vixente dende a véspera do Domingo de Ramos:

-Todos os días de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas

Horario de Nadal, vixente dende o 20 de decembro ao 6 de xaneiro:

-Todos os días de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas

-Pechados os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 e o 6 de xaneiro

Horario especial:

-18 de maio, Día Internacional dos Museos: horario continuado de 10:00 a 20:00 horas

-Arde Lucus: xoves e venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas; sábado, de 10:00 a 22:00 horas e domingo, de 10:00 a 20:00 horas

  • Oficina Municipal de Turismo e Centro de Interpretación da Muralla

Horario de inverno, vixente do 1 de xaneiro ao 31 de maio e do 15 de decembro ao 31 de decembro (excepto Semana Santa e Nadal):

-Todos os días de 10:00 a 18:00 horas

Horario de verán, vixente do 1 de xuño ao 14 de outubro:

-Todos os días de 10:00 a a 20:00 horas

Horario de Semana Santa, vixente dende a véspera do Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurreción:

-Todos os días de 10:00 a 20:00 horas

Horario de Nadal, vixente dende o 20 de decembro ao 6 de xaneiro:

-Todos os días de 10:00 a 20:00 horas

-Pecha os días 25 de decembro e o 1 e o 6 de xaneiro

-Horario reducido de 10:00 a 14:00 horas o 24 e 31 de decembro

Horario especial:

Arde Lucus: xoves, venres e sábado, de 10:00 a 22:00 horas, e domingo, de 10:00 a 20:00 horas

  • Punto de Información Turística de Verán

Horario de verán, vixente do 1 de xuño ao 14 de outubro:

-Todos os días de 10:00 a a 20:00 horas

Horario especial:

Arde Lucus: xoves, venres e sábado, de 10:00 a 22:00 horas, e domingo, de 10:00 a 20:00 horas

San Froilán: fin de semana e festivos, de 10:00 a 20:00 horas, e o resto dos días, de 10:00 a 20:00 horas

Outros asuntos

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno concedeu licenza para obras de legalización dun edificio e o seu acondicionamento para centro de día para persoas con transtorno do entorno Autista, solicitado por Raiolas, na rúa Bernardino Pardo Ouro. Ten un orzamento de 283.800 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Tamén se concedeu licenza para a rehabilitación para unha unidade edificatoria na rúa Recanto do Miño, solicitada pola Consellería de Infraestruturas, cun orzamento de 131.800 euros e un prazo de execución de 30 meses.

Audio

Noticias relacionadas