O Goberno reforza Xestión Urbanística con dúas traballadoras para axilizar as ordes de limpeza de predios

A medida súmase ao bando da Alcaldesa co que se acurtan os prazos para que o Concello poida facerse cargo do acondicionamento das parcelas de maneira subsidiaria

Luns, 13 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, anunciou este luns que o Goberno vén de reforzar o servizo municipal de Xestión Urbanística coa incorporación de dúas novas traballadoras –auxiliares administrativas por acumulación de tarefas- co fin de axilizar a tramitación dos expedientes correspondentes ás ordes de execución de traballos de limpeza de predios da cidade.

Este aumento de persoal súmase á instrucción realizada pola Alcaldesa, Lara Méndez, a través dun bando publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a finais do mes pasado, co obxectivo de acurtar os prazos para que o Concello poida facerse cargo do acondicionamento das fincas en mal estado de maneira subsidiaria, esto é, repercutíndolle despois aos propietarios o custe dos traballos.   

No bando, que responde a unha ampla demanda veciñal, lémbrase aos donos das parcelas, independentemente do tipo de solo no que se sitúen –urbano, urbanizable delimitado, urbanizable non delimitado ou non urbanizable-, a súa obriga de proceder ao roce e limpeza das mesmas para evitar as importantes molestias que ocasionan. Igualmente, se comunica que inspectores municipais supervisarán o cumprimento dese deber e, no caso dos que se atopen sen rozar, o Concello procederá, se non hai alto risco de incendio, a ordenar o desbroce nun prazo de 15 días, coa incoación de expediente sancionador e apercibimento de execución subsidiaria, e se hai alto risco de incendio, co informe xustificativo do servizo de Bombeiros, á execución subsidiaria de maneira inminente, pasando despois os custes aos propietario.

Con ambas as dúas medidas –o reforzo de persoal e o bando-, o Goberno pon as bases precisas para darlle un importante pulo á limpeza e roza de fincas –actualmente ten abertos e en tramitación 300 expedientes en toda a cidade- o que mellorará a imaxe da cidade, eliminará o risco de incendios e tamén as molestias á veciñanza.

Por outra banda, tamén en materia de persoal, a pasada semana incorporouse unha nova arquitecta á empresa pública EVISLUSA.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre o reforza da Xestión Urbanística | Descargar mp3

Noticias relacionadas