O Goberno ratifica o seu compromiso co saneamento do rural ante 300 veciños e esixe á Xunta que reinvista en Lugo o canon da auga

A Alcaldesa e os Concelleiros de Medio Rural e Infraestruturas Urbanas mantiveron un encontro coa veciñanza das 54 parroquias, ante a que explicaron que, dos 4,2M€ que cobrou a Xunta dos lucenses dende o 2015 polo canon da auga destinou 0€ ao municipio, algo “discriminatorio e inxusto”

A pesar de non contar coa colaboración da Administración autonómica, o Concello “seguirá avanzando” na dotación do servizo de saneamento, “non iremos tan rápido, pero continuaremos dando pasos, incorporando 300.000€ ao ano nos Orzamentos, como xa fixemos nos deste 2018”

Sábado, 12 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno ratifica o seu compromiso co saneamento do rural ante 300 veciños e esixe á Xunta que reinvista en Lugo o canon da auga

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández,e o edil de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, mantiveron este sábado pola tarde no hotel Torre de Núñez un encontro coa veciñanza do rural, na que participaron unhas 300 persoas, convocada pola plataforma Lugo en pé... na defensa do rural en colaboración co propio Concello. Na reunión, a rexedora ratificou o compromiso firme e claro do Goberno de continuar avanzando na dotación do servizo de saneamento nas 54 parroquias lucenses, incorporando cada ano nos Orzamentos unha partida de 300.000€, como fixo nos deste 2018, cumprindo deste xeito cun compromiso que precisamente a propia Lara Méndez lles fixera aos veciños e veciñas no encontro de fundación da plataforma en defensa do rural, en xullo do pasado ano.

Ao mesmo tempo, reivindicou que a Xunta de Galicia colabore con este obxectivo de ampliar a rede de saneamento no rural reinvestindo o recadado no municipio polo canon da auga, pois trátase dun imposto finalista, esto é, que a administración galega debe destinar a obras de abastecemento e saneamento, e sen embargo, en Lugo non o está a facer. A Alcaldesa explicou que, dos 4,2M€ que cobrou a Xunta dos lucenses polo canon da auga entre 2015 e 2017 destinou 0€ a obras de abastecemento e saneameno, algo “discriminatorio e inxusto”.

Mentres que en Lugo non investiu “nin un euro”, neses últimos tres anos si o fixo noutros municipios da provincia, como, por exemplo, O Páramo, Cospeito, Taboada, Vilalba, Baamonde, Paradela, Cervo, Friol, Foz e Mondoñedo, todos do mesmo signo político que a Xunta.

A pesar de non contar coa colaboración da Administración autonómica, o Concello, subliñou Méndez, “seguirá avanzando” na dotación do servizo de saneamento, “non iremos tan rápido, pero continuaremos dando pasos, incorporando 300.000 euros ao ano nos Orzamentos, como xa fixemos nos deste 2018”.

Lara Méndez explicou tamén que o Fondo de Cooperación Local, que o delegado da Xunta na provincia afirmou que o Concello de Lugo recibe e pode destinar a este tipo de obras, é unha achega, regulada por un decreto lei, que todos os municipios de España reciben a través das comunidades autónomas, e que non ten carácter finalista, senón que se incorpora ao capítulo de ingresos para destinalo ao funcionamento xeral dos servizos municipais.

Mostra do compromiso do Goberno co rural, o 80% do territorio municipal e o 10% da poboación, e coa dotación dos servizos e infraestruturas necesarias “para vivir nel e del”, subliñou a Alcaldesa, é que no Orzamento deste 2018 están consignados máis de 1,3M€ só para actuacións nas parroquias.

Pola súa banda, o Concelleiro de Medio Rural destacou que, dende o 2015, o Goberno acometeu traídas de auga en Pena da Mula, Meilán e cinco núcleos de Orbazai, está a punto de iniciar as obras en Vilar e ten aprobados os proxectos para Bocamaos, Penarrubia, na estrada da Fonsagrada, A Campiña e Nadela. Así mesmo, ten encargados os proxectos para saneamentos en Esperante e Santa Comba, entre outros.

Multimedia

  • O Goberno ratifica o seu compromiso co saneamento do rural ante 300 veciños e esixe á Xunta que reinvista en Lugo o canon da auga

Noticias relacionadas