O Goberno proxecta a mellora de vías en Bóveda, San Xoán do Campo e Santo André de Castro por 114.000€

Solicitará axudas ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais para a rexeneración do firme, limpeza de cunetas e tajeas, e pintado da sinalización horizontal de tres estradas

“Avanzamos na mellora de servizos e infraestruturas do rural, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, un obxectivo central na nosa acción de Goberno, que o rural sexa un lugar de oportunidades”, subliña o voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural

Domingo, 03 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, informou este sábado de que o Goberno solicitará fondos á Xunta a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020 para a mellora de vías nas parroquias de Santa María de Bóveda, San Xoán do Campo e Santo André de Castro por un importe próximo aos 114.000€.

As obras, recollidas nunha memoria realizada polos técnicos municipais a instancias do Concelleiro, consisten na rexeneración do firme das vías, a limpeza de cunetas e tajeas co fin de restablecer a drenaxe e facilitar a evacuación da auga para que non ocasione danos sobre a pista unha vez reparada, unha capa de rodadura en quente e o pintado da correspondente sinalización horizontal.

As vías sobre as que o Goberno quere actuar son as seguintes: a de Barbaín a Bóveda, moi utilizada polos veciños e veciñas nos seus desprazamentos ao HULA; a de Argonde, en San Xoan do Campo; e a do Cuco, en Santo André de Castro, en Conturiz.

A través do Plan de Mellora de Camiños Municipais dos anos 2017 e 2018, o Concello impulsou obras de acondicionamento por 173.200€ en Santa Comba (na estrada que vai da LU-546 ao campo de fútbol), Santa María de Bóveda (núcleos de Abeledo e Coeo), Lamas, Calde, e de Ferreirós, en Adai, a Ombreiro.

Así mesmo, co Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2018, o Goberno acometeu melloras viais en Esperante, Camiño do Muíño (Santo André de Castro) e Mazoi por importe de 103.000€.

Estas actuacións, todas elas demandadas pola veciñanza, contribúen a “avanzar na mellora de servizos e infraestruturas das parroquias, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, un obxectivo central na acción política deste Goberno, que o rural sexa un lugar de oportunidades”, subliñou o voceiro municipal.

Audio

  • O edil Miguel Fernández sobre as melloras no Rural  | Descargar mp3

Noticias relacionadas