O Goberno proporá ao Pleno modificar o PXOM para que o sector urbanístico do Garañón sexa unha zona verde

A Alcaldesa plantexou á oposición esta medida, que supoñerá que, tras o derribo total do edificio, non poida levantarse no ámbito ningún outro, pois estará dedicado ao esparexemento e lecer da cidadanía

O Concello fará todo o posible para minimizar a indemnización, entre outras maneiras, abrindo un canal de negociación co propietario encamiñado a compensar os dereitos edificatorios que ten coa cesión doutras parcelas municipais

Venres, 16 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lara Méndez elevará ao Pleno ordinario deste mes unha proposta para modificar o PXOM co fin de que o sector urbanístico CS-5 -O Garañón- pase a ter a cualificación urbanística de zona verde. Deste xeito, tras a demolición total da edificación actual, neste ámbito non poderá levantarse ningunha outra, pois estará dedicada ao esparexemento e lecer da cidadanía. A Alcaldesa compareceu ante os medios de comunicación xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, para explicar esta proposta á cidadanía lucense, tras plantexarlla previamente aos grupos políticos da oposición na Comisión non Permanente sobre a CS-5 celebrada esta mañá.

A execución dunha das tres sentenzas do TSXG referentes ao Garañón implica unha nova ordenación urbanística deste sector a través dunha modificación puntual do PXOM, na busca dunha mellor harmonización coa contorna do parque de Rosalía de Castro e do Miño.

A edificabilidade da actual construción adaptaríase practicamente ao límite que marca a Lei do Solo, un 1,50ms2 por m2, porque así o rebaixou o Goberno municipal socialista de Orozco para reducir o impacto do PXOM do PP de 1990, que fixaba a edificabilidade no 2,05ms2 por m2.

Aínda así, explicou a Alcaldesa, hai unha sentenza que obriga a harmonizar co entorno, e desde o Goberno local “consideramos que o que mellor harmoniza co entorno é unha zona verde, que dea continuidade ao parque de Rosalía de Castro e o Miño axudando a integrar o río na cidade, o que constitúe ademais un dos piares do noso modelo de cidade”. 

Lara Méndez lembrou que antes de tomar esta decisión, o Goberno pediu o pasado marzo a Patrimonio da Xunta que informase ao respecto, co fin de traballar conxuntamente –administración autonómica e local- na definición das determinacións urbanísticas que harmonizasen co entorno. Unha vez que a Xunta rexeitou facelo, en xullo, “damos o paso e propoñemos que O Garañón sexa zona verde”.

Paralelamente, o Concello avanzou no expediente de restauración da legalidade da urbanización e do edificio coa incoación do expediente, asinado polo Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o 15 de outubro.

Como explicou a Alcaldesa, a indemnización polo cumprimento das sentenzas xudiciais do Garañón é imposible de determinar, pois dependerá do procedemento que se siga, pero en calquera caso o Concello fará sempre todo o posible para minimizala, entre outras maneiras, abrindo un canal de negociación co propietario encamiñado a compensar os dereitos edificatorios que ten coa cesión doutras parcelas municipais. Un procedemento de negociación regrado, que o Concello vén utilizando en moitas ocasións, como por exemplo, para conseguir os terreos para o novo colexio do Sagrado Corazón, a estación intermodal, o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, a humanización da avenida Infanta Elena ou a ampliación do paso soterrado baixo a N-VI.

Audio

Noticias relacionadas