O Goberno propón que as sancións da ordenanza de seguridade cidadá poidan conmutarse por prestación sociais

Tras expoñer á oposición o borrador da norma, o Executivo estase a reunir con todos aqueles colectivos que así llo solicitan para “nutrir e mellorar” o documento coa achega social. A Alcaldesa mantivo este venres un encontro coa Federación de Asociacións de Ámbito Social (FADAS)

Venres, 01 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno propón que as sancións da ordenanza de seguridade cidadá poidan conmutarse por prestación sociais

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este venres de que o Goberno estudará a posibilidade de que as sancións contempladas na ordenanza de seguridade cidadá, en cuxo borrador está traballando a Corporación municipal, poidan conmutarse por prestacións sociais co fin de reconducir conductas incívicas e concienciar ás persoas que as levan a cabo, introducindo para elo unha disposición transitoria que sexa transversal a todos os artigos.

Méndez subliñou que, unha vez exposto aos grupos políticos da oposición o documento básico de traballo que preparou o Executivo e que estes fixeran achegas que, de non haber impedimento legal, se incorporarán, “agora estámonos reunindo con todos aqueles colectivos que así nolo solicitan” para “nutrir e mellorar” coa achega social o borrador. Deste xeito, este mesmo venres pola mañá a rexedora mantivo no despacho de Alcaldía un encontro con representantes da Federación de Asociacións de Ámbito Social (FADAS) para abordar o contido da norma de convivencia. Nos vindeiros días, terán lugar máis reunións con outras entidades e colectivos, sinalou Lara Méndez. Así mesmo, ao Concello están chegando por distintas vías propostas sobre a ordenanza que tamén se estudarán.

Ademais de a un acordo do Pleno, a elaboración desta norma básica de convivencia “obedece a unha demanda social, que nos veñen reivindicando distintos colectivos de todos os ámbitos, tanto veciñal, como cultural ou empresarial, como unha ferramenta para garantir a convivencia da cidadanía e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas preservando o espazo público como un lugar de encontro e civismo”.

O borrador sobre o que está a traballar o Concello de Lugo está baseado na ordenanza tipo consensuada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Noticias relacionadas