O Goberno propón eximir do copagamento da taxa municipal de comida no fogar a persoas en risco de exclusión social

Ana Prieto presentou esta proposta na mesa de traballo sobre as ordenanzas, na que expuxo tamén ao grupos municipais a modificación da ordenanza reguladora do IBI necesaria para financiar o equipamento do novo auditorio

Outra novidade proposta polo Executivo foi a implantación da matrícula gratis na Escola Municipal de Música nas materias do Bloque D para os alumnos que leven máis de 6 anos no centro na materia instrumental e para os que estean matriculados en unha ou máis materias de calquera do resto dos bloques

Venres, 06 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo propuxo este venres na mesa de traballo sobre as ordenanzas municipais modificar a norma reguladora das taxas polas prestación do Servizo de Comida no Fogar co fin de “eximir do copagamento nos casos en que o motivo que orixina esta prestación sexa unha problemática de exclusión social, desestruturación familiar ou pobreza infantil, circunstancia que deberá ser debidamente xustificada no correspondente informe social”. Así o explicou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen enmarcou esta proposta “no compromiso do Goberno coas políticas sociais para que ninguén se quede atrás”; de feito o Concello de Lugo “é o primeiro concello de Galicia en investimento social e o cuarto de toda España”. Os prezos van de 1 a 4,7€ por comida.

Xunto a esta proposta, e tal e como xa avanzara a Alcaldesa, Lara Méndez, o día da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para o equipamento do novo auditorio, a Concelleira de Economía abordou cos grupos municipais a modificación da ordenanza 203, reguladora do Imposto de Bens Inmobles, co fin de eximir deste imposto á Administración autonómica durante seis anos, a razón de 600.000 euros/ano, en cinco centros sanitarios: a  residencia das Gándaras, o HULA e os centros de Curros Enríquez, Fontelo e Fontiñas.

A Concelleira reiterou que, “unha vez entrados en punto morto ao rematar as obras do edificio no ano 2015, dado que a Xunta non quixo asumir o custe do equipamento, tomamos a iniciativa e buscamos unha solución intermedia porque non podiamos estar máis tempo sen gozar deste auditorio”, que “a día de hoxe só é un contedor, non un verdadeiro auditorio, pois fáltalle o equipamento necesario”. Esta exención do IBI á Administración autonómica “non é excepcional, porque se está facendo noutros concellos de Galicia”, asegurou Prieto.

O Goberno prevé someter á aprobación da Corporación o cambio da ordenanza fiscal número 203 no vindeiro Pleno de outubro.

Outra das propostas do Executivo local que expuxo a Concelleira de Economía é referida á ordenanza 405, que regula o prezo público pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música, consistente na implantación da matrícula gratis nas materias do Bloque D para o alumnado que xa superara os 6 anos de permanencia no centro na súa materia instrumental, e tamén para os que xa estean matriculados en unha ou máis materias de calquera do resto dos bloques.

Audio

  • Ana Prieto, sobre a taxa municipal de comida no fogar | Descargar mp3

Noticias relacionadas