O Goberno pon remedio, co Plan de Barrios, aos asolagamentos na Avenida da Coruña

Manuel Núñez avanzou as tarefas de mellora do saneamento que, previsiblemente, se iniciarán o luns. Cumpren ademais cunha demanda da veciñanza

Contan cun orzamento de 45.100€ e un prazo de execución de cinco semanas, é dicir, que estará listo para cando as condicións metereolóxicas comecen a empeorar

Venres, 31 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno vai poñer remedio aos asolagamentos na Avenida da Coruña, concretamente na zona emprazada entre os números 306 e 362, onde se producen frecuentes bolsas de auga por mor de choivas intensas, e de xeito especial, na contorna da gasoliñeira e na intersección coa rúa Ferreiriño. Así o anunciou o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, quen avanzou que as tarefas de mellora do saneamento, previsiblemente, se iniciarán o luns. Teñen un orzamento de 45.100 euros e un prazo de execución de cinco semanas, é dicir, que estará listo para cando as condicións metereolóxicas comecen a empeorar.

Farao a través do Plan de Barrios, co que, en vista do estado da rede de saneamento, o Concello disporá dun alividadoiro, que partirá do pozo de rexistro existente á altura do número 306, e conectará, mediante un pozo intermedio, co pozo de cabeceira da rúa do Cedro, na beirarrúa dos pares. Deste xeito, cando o caudal que circule pola rede sexa moi elevado, parte deste desviarase á rúa do Cedro, evitando o asolagamento. Así mesmo, a entidade local habilitará un novo pozo de rexistro, ubicado na calzada, intermedio entre o do 306 e o da gasoliñeira, coa finalidade de ofrecer un aliviadoiro, que conectará co pozo de cabeceira da rúa do Cedro, nos lados impares. Así, cando o caudal que circule pola rede sexa moi elevado, parte del desviarase á rede do Cedro, evitando tamén asolafamento. Nos pasos de cebra da gasoliñeira, colocaranse reixas para captar as augas superficiais e conectalas coa rede de saneamento. Tamén, neste caso á altura dos números 322 e 326, colocarase un novo pozo de rexistro para captar as augas da reixa e dos sumidoiros, pois nesta zona é onde máis auga se acumula. Completarase a actuación coa colocación de reixas á altura do número 326. Finalmente, acondicionaranse sumidoiros e conectaranse algunhas baixantes dos edificios aos pozos de rexistro, para limitar o caudal que circula pola superficie.

Con esta actuación, o Goberno cumpre cunha alta demanda da veciñanza da zona, ao tempo que continúa apostando pola renovación e modernización das redes, tanto de abastecemento como de saneamento, do municipio, co fin de mellorar a calidade destes servizos e así, tamén a dos veciños e veciñas.

Audio

Noticias relacionadas