O Goberno Municipal aproba a instrucción para introducir novas cláusulas sociais nos contratos municipais

Trátase duns novos criterios que se suman aos que levaba aplicando o Concello dende 2008 e que buscan primar a garantía das condicións laborais dos traballadores, o coidado do medio ambiente e a ética na contratación

Na Xunta de Goberno tamén se prorrogaron os contratos de realización de actividades deportivas nas Pedreiras, O Polvorín e Frigsa, ata o 5 de xuño de 2017, por un importe de 387.200€ para o período entre xuño e outubro deste ano

Mércores, 10 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno Municipal aproba a instrucción para introducir novas cláusulas sociais nos contratos municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores, tal e como anunciara no día de onte a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, unha instrucción para a aplicación de novas cláusulas sociais nos contratos municipais para conseguir maior xustiza  laboral, ética e medioambiental. Así o confirmou na rolda de prensa posterior á xuntanza o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen indicou que se trata duns novos criterios que buscan primar tres grandes obxectivos, a garantía das condicións laborais dos traballadores, o coidado do medio ambiente e a ética na contratación.

Con estas novas cláusulas sociais, que se suman e modernizan ás que levaba aplicando o Concello dende o ano 2008, amósase o compromiso con brindar os dereitos dos traballadores, así como a preocupación da totalidade da Corporación Municipal cos criterios sociais, que así o manifestou na sesión plenaria do pasado novembro, adoptando por unanimidade o acordo de regular un marco reitor nos criterios de contratación.

A prioridade que persegue o Goberno Municipal coa incorporación das cláusulas sociais non é outra que xerar emprego estable e de calidade. Por iso, o Concello intruducirá a puntuación na contratación pública de ata un 20% das melloras salarias con respecto ao Convenio Colectivo. Deste xeito valorará ata un 17,5% a calidade do emprego, un 15% en función do incremento retributivo tanto no salario base como nos complementos salariais, e un 2,5% noutro tipo de condicións que fomenten a conciliación da vida persoal e laboral. O 2,5% restante basearase nos plans de formación para os traballadores, como método de mellora profesional. Ademais da adxudicación, a entidade traballará no cumprimento do contrato fomentando a boa praxe das empresas en canto ás condicións salarias dos trabalaldores, aumentado a liquidación mensual das empresas que cheguen a acordos de subida salarial cos seus traballadores, para apoiar dita subida.

Tamén se establecerán criterios de adxudicación ambientais, desenvolvendo a lexislación europea para aqueles contratos cuxo obxecto sexa a alimentación, a madeira ou os produtos derivados; o papel, os produtos de limpeza, vehículos e maquinaria, así como a subministración de enerxía, combustible ou carburantes. Ademais, o Concello aplicará unha serie de medidas encamiñadas a condicionar ser beneficiario dunha adxudicación. Por exemplo, en relación ao desempate entre adxudicatarias, dirimirase pola responsabilidade social das empresas, por exemplo aquelas que beneficien a inserción sociolaboral de traballadores con discapacidade. Potenciar o comercio xusto, esixindo, por exemplo, ás concesionarias das cafeterías en centros municipais que se oferten este tipo de produtos. e crear un novo tipo de obxecto do contrato, o obxecto social, que interceda nos colectivos de exclusión social, licitando como obxecto de contrato non só o arranxo dunha rúa ou a concesión dun servizo, senón a inserción laboral de persoas con diversidade funcional ou maiores de 55 anos son outros métodos de valoración.

Prórroga dos contratos de actividades deportivas
Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno acordou prorrogar os contratos correspondentes á realización de actividades de ensinanza deportiva e servizos complementarios nas instalacións deportivas das Pedreiras, O Polvorín e Frigsa, así como noutras instalacións municipais por un período que vai do 6 de xuño de 2016 ata o 5 de xuño de 2017, por un importe de 387.200 euros para o período entre xuño e outubro deste ano.

Reclamacións e suxestións
Miguel Fernández adiantou que na Xunta de Goberno desta mañá deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, o día 12 de maio de 2016. “Neste período recibíronse 35 reclamacións e 2 suxestións”, asegurou o voceiro. As reclamacións responden ás depedencias de Servizos Sociais (24), Biblioteca Municipal, Cultural, Augas (4), Parques e Xardíns (3) e Licenzas. Pola contra, as suxestións responde a Deportes e Xuventude. Das reclamacións, 32 están resoltas e 3 pendentes en prazo. As suxestións están pendentes de resolver e en prazo.

Noticias relacionadas