O Goberno local critica o castigo a Lugo que supón a paralización da Estación intermodal

Luns, 24 de febreiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, criticou hoxe a paralización do proxecto de construcción da Estación intermodal de Lugo e preguntouse se Jaime Castiñeira estaba ó tanto desta decisión do Goberno do Partido Popular.

“Co defenestrado proxecto da Estación intermodal, demóstrase, unha vez máis, que o Goberno do PP minte, xa que eles sabían que ese proxecto estaba parado e aínda así se nos enganou”, manifestou Luis Álvarez que se preguntou se “Castiñeira sabía ou non a realidade do que sucede con este proxecto” e considerou que “se non o sabía estivo enganando ós cidadáns e no caso contrario quedaría en moi mal lugar dentro do seu propio partido”.

“Lugo é unha cidade castigada polos gobernos do Partido Popular”, destacou Luis Álvarez xa que “o que está a pasar coa Estación intermodal é un engano máis na longa lista de enganos e proxectos aprazados para Lugo: a Intermodal é un caso, o Plan Paradai é outro, o Cuartel de San Fernando un máis, os servizos pendentes no Hula tamén, a rehabilitación da vella Residencia e así sucesivamente”.

Para Luis Álvarez, os Gobernos do PP “o único que están facendo é seguir unha estratexia que consiste en tratar de afogar á cidade para facerlle crer ós veciños que o Goberno municipal non é quen de conseguir logros para Lugo, pero cada un é responsable das súas actuacións e penso que a veciñanza ten moi claro quen é responsable de que estes proxectos non se leven a cabo”.
 
Luis Álvarez fixo estas declaración nunha rolda de prensa na que deu conta tanto dos acordos tomados pola Xunta de Goberno Local como da Comisión de Urbanismo celebradas esta mañá.
 
Acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno aprobou as achegas do Concello a Evislusa, ó Centro asociado da Uned en Lugo, e ás fundacións Feiras e Exposicións e Rof Codina. Estas achegas, por importe total de case 588.000 euros, terán que ser aprobadas agora polo Pleno ó estar prorrogado o Orzamento do ano pasado.

Esta mañá a Xunta de Goberno acordou a modificación das bases de execución orzamentarias para a aportación municipal para o cofinanciamento das actividades durante o exercizo de 2014 de Evislusa, por importe de 251.477 euros; do Centro Asociado da UNED-Lugo, por importe de 215.000 euros; para a Fundación Rof Codina, por importe de 92.500 euros, e da Fundación Feiras e Exposicións, por importe de 28.846 euros.
 
Fábrica da Luz

Luis Álvarez tamén explicou que o Goberno e catro técnicos municipais, o Xefe de servizo de Contratación, o Xefe de servizo de Infraestruruas, o Enxeñeiro de Montes da Concellería de Medio Ambiente e un técnico que se ocupou da tramitación do relativo a subvencións desa actuación, responderon hoxe, na Comisión de Urbanismo, a todas as preguntas prantexadas pola oposición sobre o proxecto da Fábrica da Luz.

Tanto o Goberno como os técnicos municipais defenden que na tramitación deste expedente non se produciron irregularidades e axustouse á legalidade vixente.

“Entendemos que, como xa se dixo a semana pasada, quedou perfectamente acreditado que na tramitación deste expedente se seguiu estritamente a lexislación que rixe neste tipo de concesións de obra pública, procedemento idéntico ó que se segue no caso das autopistas de peaxe”, explicou Luis Álvarez.

Se responderon para que os dous grupos da oposición municipal tivesen toda a información procedente dos técnicos municipais competentes.

A preguntas dos xornalistas, explicou que o Concello revisou todo o expedente a semana pasada, logo de que o devolvera o Xulgado de instrucción número 1 que o reclamara no mes de novembro, e comprobouse que todo o expedente se tramitara con normalidade e legalmente.

Luis Álvarez explicou que o prazo que obriga á adxudicataria a poñer en marcha o proxecto botará andar cando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil autorice o aumento de caudal da concesión que ten o Concello, requisito que é necesario para que o proxecto de recuperación da Fábrica da Luz poida ser rendible.

Guindastre retirado

A Comisión de Urbanismo tamén tratou sobre o guindastre instalado nos últimos anos  nunha obra no Campo Castelo.

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo explicou que o guindastre xa foi retirado e agora a brigada municipal de Vías e obras está a traballar na demolición da base da estrutura e, previsiblemente, mañá quedará retranqueado o peche dese solar, recuperando así a aliñación orixinal da zona.

Multimedia

Noticias relacionadas