O Goberno inicia o mércores as xuntanzas coa veciñanza para implicala nos Orzamentos Participativos

Será a partir das 20:00 horas, no local social dos maiores do Sagrado Corazón. Deste xeito, a cidadanía poderá, unha vez máis, decidir de forma directa o destino de 350.000 euros con cargo ao presuposto deste 2018.

Ademais desta ferramenta de participación, os veciños e veciñas poden facer chegar as súas ideas a través da web loop.lugo.gal ou ben no Rexistro Xeral do Concello ata o 9 de setembro.

Venres, 03 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno inicia o mércores as xuntanzas coa veciñanza para implicala nos Orzamentos Participativos

O Goberno de Lugo iniciará este mércores, 8 de agosto, as xuntanzas coa veciñanza para implicala nos Orzamentos Participativos, postos en marcha polo equipo de Lara Méndez coa finalidade de que a cidadanía luguesa erga a man e tome a palabra, que decida en que e en onde se invistan os orzamentos municipais, e achegue as súas propostas para materializar as súas necesidades, inquedanzas ou aportacións.

Será a partir das 20:00 horas, no local social dos maiores do Sagrado Corazón. Deste xeito, os lugueses e luguesas poderán, unha vez máis, decidir de forma directa o destino de 350.000 euros con cargo ao presuposto deste 2018. Tras esta reunión, o Goberno achegarase a outras barrios da cidade. O Concello informa destas reunións tanto na súa web www.lugo.gal como nas redes sociais.

Esta é a primeira fase dos orzamentos participativos, a recollida de propostas de diferentes investimentos de ata 15.000 euros, que estará aberta ata o 9 de setembro. Ademais desta ferramenta de participación, os veciños e veciñas poden facer chegar as súas ideas a través da web loop.lugo.gal ou ben no Rexistro Xeral do Concello. Nesta fase pode participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio, sexa por estudos ou traballos.

Os seguintes pasos

Tras a primeira fase, terá lugar a de avaliación da viabilidade desas propostas, por parte dun equipo técnico municipal. Logo, unha terceira de votación das propostas, tecnicamente viables. Nesta fase poderán participar persoas empadroadas no Concello, maiores de 14 anos. A última fase é a de execución das actuacións que a xente decidiu e votou.

Obxectivos dos Orzamentos Participativos

Este proceso de participación veciñal persegue tres obxectivos fundamentais:

  • Fomentar a participación a través dun exercicio público transparente, procurando a maior participación veciñal posible, que permita a vinculación activa das e dos lucenses co desenvolvemento local do seu municipio.
  • Promover que a cidadanía non sexa simple observadora dos acontecementos e decisións, e que poida converterse en protagonista activa do que ocorre no seu municipio, tanto nas zonas  urbanas coma nas rurais; afondando así na democracia participativa.
  • Mellorar a comunicación entre Concello e veciñanza, xerando espazos nos que achegar ideas que incentiven o consenso sobre a forma de como deben gastarse os recursos municipais, ao tempo que serve de instrumento para promover a solidariedade entre a cidadanía e os seus barrios.

Máis información en https://loop.lugo.gal/

Audio

  • O Goberno inicia xuntanzas dos Orzamentos Participativos | Descargar mp3

 

Noticias relacionadas