O Goberno incrementou un 70% a achega municipal para garantir e mellorar o funcionamento da Protectora de Animais

O Concello asinou un convenio de colaboración coa entidade por importe de 105.000€ para o financiamento do servizo de recollida, traslado, acollida e mantemento de animais domésticos abandonados ou extraviados.

Luns, 07 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno incrementou un 70% a achega municipal para garantir e mellorar o funcionamento da Protectora de Animais

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, e a presidenta da Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Lugo, Ángeles López Prado, mantiveron este luns unha reunión para asinar un novo convenio de colaboración do Concello coa entidade, neste caso por importe de 105.000€, o que supón un incremento do 70% con respecto á achega municipal realizada ao inicio do mandato.

“Fixemos unha aposta importante para tratar de mellorar un servizo que consideramos moi importante, que cumpre unha función moi necesaria, incrementando o financiamento, dende os 35.000 euros aos 60.000 e agora ata os 105.000, unha cantidade, que con outras axudas que recibe doutras administracións, garante que a Protectora de Animais poida seguir en funcionamento e dando un servizo cada vez mellor”, explicou Daniel Piñeiro.

Segundo o convenio, a Protectora comprométese a levar a cabo a recollida dos animais domésticos abandonados ou extraviados no municipio, así como a súa acollida nas súas instalacións ata que sexan retirados polos seus donos, sexan acollidos temporalmente ou adoptados ou se lles dea outro destino autorizado segundo o establecido na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia.

Noticias relacionadas