O Goberno impulsa un ano máis os hortos escolares para a educación medioambiental dos máis cativos e cativas

A iniciativa, que se desenvolverá ao longo de dous trimestres escolares, trata de achegar aos nenos e nenas a contorna natural, formando parte dos ciclos naturais e intervindo nos mesmos de xeito directo e activo

Manuel Núñez explicou que o horto, como recurso educativo, permite unha aprendizaxe activa e un eficaz desenvovemento de actitudes e valores que conducirán a uns comportamentos comprometidos coa conservación do medio e a utilización sostible dos recursos medioambientais

Xoves, 15 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo, a través da Concellería de Educación, continúa un curso escolar máis promovendo a creación de hortos escolares en doce centros educativos públicos lugueses de educación infantil e primaria, unha escola de educación infantil de 3 a 6 anos e en dúas escolas infantís municipais de 0 a 3 anos.

Este programa, valorado en 17.700 euros e que se desenvolverá ao longo de dous trimestres escolares, trata de achegar aos nenos e nenas de educación infantil a contorna natural, formando parte dos ciclos naturais e intervindo nos mesmos de xeito directo e activo.

A finalidade desta iniciativa é ofrecer aos máis pequenos e pequenas a oportunidade de ter un espazo no que aprender de xeito práctico temáticas relacionadas co medio ambiente. Nesta liña, o Concello é consciente da importancia que ten a educación medioambiental nos colexios e a necesidade de inculcar, dende idades temperás, valores e principios respetuosos coa contorna.

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, explicou que o horto, como recurso educativo, permite unha aprendizaxe activa e un eficaz desenvovemento de actitudes e valores que conducirán a uns comportamentos comprometidos coa conservación do medio e a utilización sostible dos recursos medioambientais.

Obxectivos do programa

Concretamente, os obxectivos deste programa educativo son: achegar aos nenos e nenas a ciclos naturais das plantas, das estacións e do día e a noite, desenvolver a capacidade de observación e investigación, favorecer a utilización correcta das ferramentas diferentes ás de uso coitá, participar en traballo en grupo, potenciar a autonomía persoal, coñecer diferentes cultivos e comprender os procesos de sementar e plantar, así como o desenvolvemento posterior das plantas; realizar a colleira e pór en práctica algúns dos aproveitamentos que realizan as plantas.

Previamente ao comezo das actividades deste programa, as zonas verdes terán que ser preparadas (retirada da cuberta vexetal, fresado e abonado) para a realización de ditos obxectivos, así como o mantemento (sacar as malas herbas, sachar os cultivos) destas zonas.

Centros educativos

O Concello cubriá a demanda nos seguintes centros: Luis Pimentel (9 grupos), Rosalía de Castro (3 grupos), Illa Verde (6 grupos), Quiroga Ballesteros (1 grupo), Casás (6 grupos) , A Ponte (3 grupos), Virxe da Soidade (3 grupos), Albeiros (6 grupos), Manuel Mallo Mallo (3 grupos), Menéndez Pelayo (6 grupos), Paradai (6 grupos), Anexa (6 grupos), Fingoi nº2 (3 grupos), Escola Municipal Serra de Outes (2 grupos) e Escola Municipal Gregorio Sanz (2 grupos). O número total de grupos é de 65 e o número de sesións será de 10 por grupo.

As actividades pedagóxicas deste programa están dirixidas ao alumnado dos tres cursos de educación infantil, 4º, 5º e 6º. Tamén están destinadas aos nenos e nenas de 3º de 1º ciclo de educación infantil das escolas infantís municipais.

Noticias relacionadas