O Goberno garante 20 postos de traballo e a mellora de instalacións e zonas públicas co Plan Mellora Lugo 2016

A Xunta de Goberno aprobará o mércores este plan dotado con 425.000 euros, que contempla traballos de mantemento e conservación, nas áreas de Educación, Infraestruturas, Medio Rural, Deportes e Medio Ambiente

Luns, 22 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

“A Xunta de Goberno aprobará na reunión deste mércores o comezo da tramitación do Plan Mellora Lugo 2016, que vai poñer en marcha o Concello co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento de instalacións e zonas públicas, tanto na cidade como no medio rural”, tal e como informou este luns o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Deste xeito, na sesión ordinaria do mércores, aprobaranse os pregos de condicións técnicas e de cláusulas administrativas particulares, así como o gasto e apertura do proceso de adxudicación por procedemento aberto, correspondentes ás cinco liñas de actuación que contempla este plan, que ten unha dotación económica total de 425.000 euros. Os traballos de mantemento e conservación, que levará a cabo o Concello, terán lugar nas áreas de Educación, Infraestruturas, Medio Rural, Deportes e Medio Ambiente.

Tal e como explicou Miguel Fernández, “cada una delas contará cun orzamento de 85.000 euros e, en conxunto, garantirase un mínimo de 20 postos de traballo no municipio polo menos durante seis meses”.

Para a  adxudicación dos cinco contratos terase en conta a creación e o mantemento de postos de traballo en empresas locais, co obxecto de paliar os efectos da crise económica no municipio. Deberase incentivar, en cada un dos casos, a nova contratación de 2 traballadores parados, que leven inscritos nas oficinas de emprego por un mínimo de 6 meses, e a manter como mínimo a 2 traballadores da súa plantilla existente.

Obras en centros escolares
Na área de Educación, o obxecto do contrato é o servizo de mantemento e conservación nos 15 colexios públicos da cidade e nas escolas infantís municipais Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburger. Os traballos consistirán en pequenos retellados e eliminación de goteiras, reparacións de canalóns e baixantes, revisión, limpeza e recheo de areeiros, pintura, arranxo e colocación de persianas, ou reparación de mobiliario, entre outros.

Melloras da rede viaria
No que se refire á área de Infraestruturas, os traballos previstos abranguerán a reparación de beirarrúas, beiravías, canos ou taxeas. Ademais, repararanse elementos de mobiliario urbano e sinalización.

Obras no medio rural
Para o medio rural vaise contratar o servizo de mantemento e conservación de construcións rurais e periurbanas singulares e patrimoniais do Concello, co obxectivo de reparar pequenos defectos detectados nas ITE das antigas escolas rurais e naquelas nas que se fan actividades programadas, así como nos lavadoiros, nas fontes públicas e nos cruceiros. Tamén repararán as zonas públicas do Cemiterio Municipal.

Conservación de instalacións deportivas
O Plan Mellora Lugo tamén inclúe a reparación e o mantemento de equipamentos deportivos en liñas de xogo, cubertas e baixantes; repasos de albanelerías e pinturas de locais, acondicionamento das zonas perimetrais, ou a revisión dos equipamentos sanitarios, entre outros.

Actuacións en Medio Ambiente
Por último, e tocante á área de Medio Ambiente, as principais intervencións previstas realizaranse no Parque dos Paxariños, no Polígono das Gándaras, na parcela lindeira coa vella Potabilizadora, no espazo lindante coa Estación do Tren no Parque do Sagrado Corazón, nas parcelas municipais do Ceao e, tamén, noutras zonas verdes municipais nas que sexa preciso o seu acondicionamento.

Audio

  • Miguel Fernández, portavoz municipal, sobre o Plan Mellora Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas