O Goberno executa obras na Abella, mellorando o saneamento e abastecemento en Flor de Lis e repoñendo o firme da rúa

Manuel Núñez supervisou as tarefas de acondicionamento, cun orzamento de 54.000 euros

Venres, 06 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno executa obras na Abella, mellorando o saneamento e abastecemento en Flor de Lis e repoñendo o firme da rúa

O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou o avance das obras de acondicionamento da rúa Flor de Lis, na Abella, unhas tarefas cun orzamento duns 54.000 euros, achegados polo Goberno do Concello e da Deputación, a través do Plan Único. As actuacións, que rematarán, previsiblemente, a vindeira semana, consisten na reposición do firme e a substitución das redes de abastecemento e saneamento.

Concretamente, trátase de cambiar a tubería de abastecemento existente, de PVC encolado, por outra de fundición dúctil. Tamén se plantexa a renovación da rede de saneamento, que quedará configurada por un colector executado en tubería lisa. A rede inclúe todos os elementos complementarios como pozos de formigón, sumidoiros e acometidas domiciliarias, así como a instalación de rexillas para que a auga non entre nas casas do final da rúa, por temas de pendente. Tamén se executa a obra para o soterramento da instalación de alumeado público.

As tarefas tamén contemplan a reparación do pavimento de calzada e a execución dun itinerario peonil, pavimentado a base de formigón, dando continuidade deste modo á rúa Oliveira. Aproveitarase tamén para renovar a sinalización horizontal e colocar sinalización vertical complementaria.

Esta renovación da rúa Flor de Lis súmase a outras que o Goberno está a cometer en distintos puntos da cidade, como por exemplo na rúa Fonmiñá e Piñeiral, no Sagrado Corazón; coa finalidade de mellorar as infraestruturas viarias do municipio, garantindo así a seguridade da veciñanza. 

Audio

Noticias relacionadas