O Goberno dota á veciñanza da Avenida de Garabolos e das Américas de renovados servizos públicos con 51.000 euros

Lara Méndez e Manuel Núñez comprobaron os traballos da mellora de abastecemento e saneamento nestes dous viais, cos que o Concello dá resposta ás demandas dos veciños e veciñas de ambas as dúas zonas

Mércores, 03 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno dota á veciñanza da Avenida de Garabolos e das Américas de renovados servizos públicos con 51.000 euros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisaron este mércores as actuacións que está a acometer o Goberno do Concello por 51.000 euros, dotando á veciñanza da Avenida de Garabolos e das Américas de renovados servizos públicos.

Méndez e Núñez comprobaron os traballos da mellora de saneamento e abastecemento en Garabolos, e de reparación de saneamento nas Américas, nos que o Concello inviste 33.000 euros e 18.000 euros, respectivamente, dando resposta ademais ás demandas dos veciños e veciñas de ambas as dúas zonas.

No que se refire a Garabolos, os traballos constitúen a primeira das fases da adecuación integral da avenida, na que se renovan as redes de abastecemento e saneamento que discorren pola beirarrúa deste vial, no tramo correspondente ao fronte dos edificios número 5, 7 e 9, a execución da obra civil necesaria para o soterramento do cableado do alumeado público, e a demolición e reposición do pavimento. En canto ao abastecemento, substituiranse os tubos de PVC existentes por uns de fundición dúctil, instalaranse novas chaves de paso, bocas de rego e incendio e renovaranse as acometidas. Así mesmo, renovarase a canalización de saneamento existente, que está a producir filtracións, executando un colector de PVC, cos correspondentes pozos de rexistro e renovación de acometidas.

En canto á Avenida das Américas, a entidade local renova o tramo de colector que discorre pola beirarrúa diante do portal Nº 2 ata o cruce coa rúa Bidueiro, conectando este tramo de colector renovado co principal, que pasa polo centro da Avenida das Américas. Tras a demolición do pavimento de beirarrúa e calzada, realizarase a reparación da rede de saneamento e a posterior reposición do pavimento.

Estas actuacións súmanse a outras que o Concello acometeu para mellorar tanto os servizos públicos de saneamento como abastecemento, como por exemplo na rúa Ramón Montenegro, onde se eliminaron as filtracións de auga nas escalinatas que unen esta zona con Fontiñas, o abastecemento en Fontiñas, nas rúas Álvaro Cunqueiro e Vila de Sarria e nun núcleo da parroquia de Meilán; e a reparación do saneamento na rúa Armanyá e no barrio de Casás.

Multimedia

  • O Goberno dota á veciñanza da Avenida de Garabolos e das Américas de renovados servizos públicos con 51.000 euros