O Goberno dota dun desfibrilador semiautomático externo á Escola Municipal de Música para atender emerxencias cardíacas

Manuel Núñez explicou que o obxectivo desta adquisión, duns 1.900 euros, é garantir a seguridade dos máis de 800 alumnos e alumnas que usan a diario estas instalacións, unhas persoas usuarias cun abano de idades moi amplas

O Concello, co obxectivo de estender a creación de espazos cardioprotexidos, prevé a compra de novos equipos para atender outras instalacións municipais, pois o desfibrilador conta cun éxito do 75% se se aplica entre os primeiros 3 e 5 minutos

Martes, 20 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo vén de dotar á Escola Municipal de Música, nas instalacións do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, dun desfibrilador semiautomático externo para atender emerxencias cardíacas, convertíndoa en local cardioprotexido. Este novo aparello súmase aos instalados o pasado ano nas piscinas municipais de As Pedreiras e Frigsa, as primeiras instalacións municipais en ofrecer este servizo, ademais dos que dispoñen na sede da Policía Local e no Parque de Bombeiros.  

Así o avanzou este martes o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, quen explicou que o obxectivo desta adquisión, duns 1.900 euros, é garantir a seguridade dos máis de 800 alumnos e alumnas que usan a diario estas instalacións, unhas persoas usuarias cun abano de idades moi amplas. O desfibrilador será colocado nunha zona visible da escola, de tal forma que resulte fácil a súa localización.

O Concello, co obxectivo de estender a creación de espazos cardioprotexidos, prevé a compra de novos equipos para atender outras instalacións municipais, xa que está demostrado que os desfibriladores contribúen a salvar vidas se as persoas infartadas son atendidas nos primeiros momentos do paro cardiaco, cun éxito do 75% se se aplica entre os primeiros 3 e 5 minutos, segundo o European Resucitation Council.

O paro cardíaco é unha das principais causas de morte en Europa segundo datos facilitados pola Fundación Española do Corazón, que supera incluso ao número de falecementos por accidentes de tráfico. En España prodúcense entre 35.000 e 45.000 cada ano e o índice de salvación é ao redor dun 4%, mentres que en Estados Unidos alcanza o 50%, unha diferenza que radica na implantación de desfibriladores.

O manexo deste aparello sanitario é moi sinxelo, xa que dende o seu acendido, unha voz dá instruccións para a colocación de electrodos na persoa doente e, unha vez realizada esta manobra, é o propio desfibrilador o que activa as descargas eléctricas para reverter a parada cardíaca.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre un desfibrilador semiautomático | Descargar mp3

Noticias relacionadas