O Goberno dedica os 585.000€ do Plan Único provincial a 11 actuacións de mellora no rural

Consisten na pavimentación e rexeneración de vías en Pena da Mula, Piugos, Mazoi, Tirimol, Santa Comba, Bocamaos, San Salvador de Muxa e San Xoán do Alto; a dotación de abastecemento a Bocamaos e Penarrubia; e o arranxo da cuberta da escola de Coeo

Mércores, 27 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, informou este mércores de que a Xunta de Goberno aprobou o Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2019, que, cunha dotación económica para o municipio de Lugo próxima aos 566.000€, destinará integramente a melloras no rural. En concreto, grazas a este plan da Deputación, acometeranse 11 obras: 8 de pavimentación e rexeneración de vías, dúas de abastecemento de auga e unha nunha escola rural. Son as seguintes:

  • Pavimentación de vías públicas en Pena da Mula e Piugos: 34.677,83€
  • Rexeneración de firme na estrada LU-612, en Piugos (20.049,53€); na estrada de Mazoi a Cacabelos (36.466,46€); entre a rúa da Industria –no Ceao- e Bagueixos, en Tirimol (26.416,52€); na estrada LU-546, entre Santa Comba e o municipio do Corgo (63.675,24€); na LU-234, entre Bocamaos e Outeiro de Rei (22.657,56€); na estrada de San Salvador de Muxa á Rolda Norte (40.541,19€); e na LU P 2901, en San Xoán do Alto (27.095,69€)
  • Abastecemento de auga na parroquia de Bocamaos (161.901,54€) e no núcleo de Penarrubia (109.691,73€)
  • Cuberta da escola de Coeo: 42.184,33€

Por outra banda, o Concello vén de solicitar fondos á Xunta a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020 para a mellora de vías nas parroquias de Santa María de Bóveda, San Xoán do Campo e Santo André de Castro por un importe próximo aos 114.000€.

As obras, recollidas nunha memoria realizada polos técnicos municipais a instancias do Concelleiro de Medio Rural, consisten na rexeneración do firme das vías, a limpeza de cunetas e taxeas co fin de restablecer a drenaxe e facilitar a evacuación da auga para que non ocasione danos sobre a pista unha vez reparada, unha capa de rodadura en quente e o pintado da correspondente sinalización horizontal.

As vías sobre as que o Goberno quere actuar son as seguintes: a de Barbaín a Bóveda, moi utilizada polos veciños e veciñas nos seus desprazamentos ao HULA; a de Argonde, en San Xoan do Campo; e a do Cuco, en Santo André de Castro, en Conturiz.

Estas actuacións, todas elas demandadas pola veciñanza, contribúen a “avanzar na mellora de servizos e infraestruturas das parroquias, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, un obxectivo central na acción política deste Goberno, que o rural sexa un lugar de oportunidades”, subliñou o voceiro.

Contrato do 010

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou sacar a contratación o servizo de atención telefónica ao cidadán, o 010, por un período dun ano, prorrogable por outros catro. O importe anual do contrato é de preto de 100.700€.

Así mesmo, a Xunta de Goberno desestimou as alegacións presentadas pola anterior empresa adxudicataria da actividades de animación sociocultural nos centros de convivencia, Serviplustotal, e impoñerlle unha penalidade por importe de 9.000,33€ por incumprimento das súas obrigas contractuais, en concreto, non ter presentado a documentación requirida pola responsable do contrato que permita o seguimento do cumprimento das súas obrigas laborais e coa Seguridade Social.

Noticias relacionadas