O Goberno de Lugo mellora a pavimentación dos accesos ao MIHL

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitou a instalación xunto con Maite Ferreiro e Alexandre Penas

A actuación ten un orzamento de 29.015,80€, e inclúe a mellora da drenaxe de augas na zona

Venres, 16 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo mellora a pavimentación dos accesos ao MIHL

O Goberno de Lugo está a executar unha actuación de mellora da pavimentación dos accesos ao MIHL. O edil de Infraestruturas,  Alexandre Penas explicou que “realizamos esta intervención debido ao avanzado estado de desgaste que mostra este pavimento, para mellorar a accesibilidade desta instalación cultural que está a acoller unha gran cantidade de actividades e visitantes”.

A solución adoptada pola Concellería de Infraestruturas consiste na pavimentación con formigón impreso dos dous ramais de acceso ao MIHL, desde o parque de Frigsa e desde a Avenida Infanta Elena, cunha lonxitude total de 136 metros. Como paso previo á pavimentación, realizarase unha limpeza do formigón existente e,  para mellorar a adherencia, colocaranse conectores con resina a distancias de 1,5 a 2 metros.

Ademais, mellorarase a drenaxe, adaptando os rexistros existentes á nova cota e colocando rexas con canaletas para interceptar as augas que circulen pola zona, que desaugarán na rede municipal de sumidoiros. A intervención ten un orzamento total de 29.015,80€. Alexandre Penas explicou que “esta actuación enmárcase nunha acción de mellora da contorna do MIHL, e que seguirá durante as vindeiras semanas coa mellora da instalación de alumeado público do exterior”.

Animación á lectura

O MIHL está a acoller, entre outros eventos, as actividades de animación á lectura e contacontos, programadas entre os meses de abril e maio. As actividades pretenden achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero.

O ciclo conta cun total de cinco actividades, que comezaron o mércores 14 de abril e continuarán ata o mércores 20 de maio. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

Audio

  • O edil de Infraestruturas,  Alexandre Penas, sobre a pavimentación do MIHL | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno de Lugo mellora a pavimentación dos accesos ao MIHL

Noticias relacionadas