O Goberno licita as obras da pasarela ao Miño e a descontaminación do Carme, cofinanciadas con fondos FEDER

O orzamento conxunto das iniciativas, enmarcadas dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, financiada ao 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, é de máis dun millón de euros

Son as primeiras obras da estratexia DUSI en saír a contratación, unha vez concluída a xestión da redacción dos proxectos. Contan cun prazo de execución de 6 meses a primeira delas, e un mes a segunda

Trátase dunha inversión que fará de Lugo unha cidade máis saudable e sostible, prioridades para o Goberno. Ademais, estas obras constitúen un exemplo claro de como o FEDER pode mellorar a vida dos e das luguesas

O Concello xa ten consignadas outras actuacións da súa estratexia DUSI, para poder iniciar o proceso de licitación a principios de ano: o carril bici e as obras do acceso inferior da Nacional VI

Venres, 28 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno licita as obras da pasarela ao Miño e a descontaminación do Carme, cofinanciadas con fondos FEDER

O Goberno de Lugo licita as obras da pasarela peonil ao Miño e da descontaminación dos solos do barrio do  Carme. En conxunto, o orzamento é de máis dun millón de euros para estas dúas iniciativas, incluídas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) de Lugo, denominado Muramiñae, da Muralla ao Miño; cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Concretamente, a primeira obra conta cun orzamento de 988.400 euros e a segunda uns 78.000 euros, cun prazo de execución de 6 meses e un mes, respectivamente.

Estas son as primeiras obras da estratexia DUSI en saír a licitación, á que se lle deu luz verde coa sinatura dos decretos de contratación, unha vez concluída a xestión da redacción dos proxectos. Así o avanzou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tras adiantalo esta mañá na Comisión de Seguimento do Muramiñae, na que están representados todos os grupos políticos da Corporación, que se celebrou no Salón de Comisións.

O prazo para presentar ofertas a estas licitacións, por procedemento aberto e simplificado, é de 20 días naturais dende a súa publicación no Perfil do Contratante, aloxado na Plataforma de contratación do sector público.

As obras para licitar

O obxectivo das obras da pasarela peonil ao río Miño é crear un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza o acceso dende o centro urbano á zona do río, e en especial ao campo de fútbol, co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial. Con esta actuación, o Goberno responde a unha importante, reiterada e histórica demanda das persoas siareiras que acoden ao Anxo Carro e da cidadanía lucense en xeral.

As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI de xeito que se reforce a permeabilidade transversal entre o casco histórico e unha das zonas máis deportivas, así como á zona de congresos da cidade. Esta pasarela terá un dos seus estribos na isleta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol, sendo este o único espazo posible de desembarco. O outro dos estribos localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.

Será unha pasarela de arco metálico rebaixado, que se considera a máis adecuada debido á súa luz libre de 45 metros, apoiada en dous estribos de formigón, circulares de 2 metros de diámetro, que á súa vez serven de apoio ás ramplas de acceso, tamén metálicas e con trazado en espiral. Colocarase tamén unha varanda e pavimento de resina antideslizante.

O inicio das obras da pasarela está condicionado áincorporación ao expediente administrativo da correspondente resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Ministerio de Fomento; de xeito que de non ser estas favorables ao proxecto presentado ou de establecerse condicións que modificaran substancialmente as unidades de obra do proxecto, que modificara o seu orzamento ou que supuxera un cambio substancial nos termos deste expediente de contratación, o Concello podería renunciar á celebración deste contrato para licitar.

Grazas aos fondos FEDER, Lugo terá unha pasarela peonil que permita unha conexión segura e cómoda para peóns e ciclistas; unha medida de mobilidade urbana sostible coa que o  Goberno transformará o caracter da cidade, deixando de darlle as costas ao Miño para converterla en cidade que prolonga os espazos públicos para o seu uso público, transformando ademais Lugo en cidade do século XXI.

No caso das tarefas de descontaminación dos solos do barrio do Carme, o equipo de Lara Méndez tamén cumpre unha das necesidades históricas do barrio: eliminar os verquidos non controlados, e deste xeito o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e tamén na estética urbana.

Neste caso, contémplase a construción dun pozo de bombeo na rúa Vicedo, na súa parte baixa, que recollerá as augas de escorrentía da propia vía e as dos dous colectores existentes nesta zona que verten directamente ao Rego dos Hortos, para levalas á rede xeral de saneamento, a través do pozo de rexistro existente na rúa Santiago. Así, elimínanse dous verquidos incontrolados de efluentes contaminantes, ademais das augas escorrentías que danan a calzada da rúa Vicedo. A actuación levará consigo tamén o propio acondicionamento da rúa Vicedo, mediante a regularización da rasante, a colocación de pavimento, e a execución de cunetas nos laterais.

Trátase dunha inversión dun millón de euros que fará de Lugo unha cidade máis saudable e sostible, prioridades para o Goberno. Ademais, estas obras constitúen un exemplo claro de como os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), poden mellorar a vida dos e das luguesas, neste caso a través dunha nova infraesturtura para unir a cidade co Miño favorecendo a mobilidade e revitalizando un barrio senlleiro, no corazón da cidade, O Carme.

Outras actuacións, xa consignadas

O Concello xa ten consignada outra actuación da súa estratexia DUSI, para poder iniciar o proceso de licitación a principios de ano: o carril bici, que alcanza case os 16 quilómetros de sendas ciclistas na cidade. Cun orzamento dun millón de euros, financiado ao 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, este proxecto busca converter a bici nun elemento normalizado da paisaxe en Lugo, unindo este novo carril, elaborado en base ao Plan de Mobilidade da cidade, con outros xa existentes.

A esta situación de consignación súmanselle as obras do acceso inferior da Nacional VI, tamén para licitar a principios de ano. O Concello xa conta coa acta de posta a disposición de ocupación duns terreos das inmediacións que non eran propiedade municipal, que eran necesarios para darlle continuidade e conectividade coa Calzada da Ponte, cuxa peonalización da rúa é outra actuación de futuro, dentro da planificación do modelo de cidade do Goberno. Esta aprobación quedará condicionada aos informes sectoriais doutras administracións, autorizacións que xa se remitiron.

Audios

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a licitación da DUSI | Descargar mp3
  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre oas obra da DUSI consignadas | Descargar mp3

Noticias relacionadas