O Goberno de Lugo avanza na transformación da mobilidade cunha nova intervención en Fingoi

Rubén Arroxo: "melloramos as condicións de moitas rúas dos barrios e do centro da cidade"

A actuación foi adxudicada por 111.979€ e incluirá a mellora da accesibilidade na zona e do alumeado público

Mércores, 06 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo avanza na transformación da mobilidade cunha nova intervención en Fingoi

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou da contratación da humanizacion de Fingoi de Abaixo, onde se aplicará o modelo de plataforma única, que permitirá adicar o espazo ao tránsito peonil sen afectar ás prazas de estacionamento da zona. "Trátase dun proxecto importante para a mellora da accesibilidade no barrio, no que apostamos polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, dado que se trata dunha zona na que o tráfico maiormente é residencial", explicou Rubén Arroxo.

Na actualidade, as beirarrúas da zona non chegan a cubrir o ancho mínimo esixido pola lexislación, e o asfalto conta cunha banda de rodadura moi deteriorada, o que afecta tanto á seguridade viaria como á capacidade de evacuación de augas pluviais.

Xunto coa transformación da zona, renovarase tamén o alumeado público, avanzándose na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual. Rubén Arroxo explicou que "o novo alumeado mellorará a seguridade da zona, ao contarse cun novo alumeado máis uniforme, ao mesmo tempo que se mellora a estética da zona e se reduce o consumo enerxético".

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe licitación desta actuación, a Construcciones Sanle Lugo, cun orzamento de 111.979€ e un prazo de execución de 4 meses.

Audio

  • O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, sobre a humanizacion de Fingoi de Abaixo | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno de Lugo avanza na transformación da mobilidade cunha nova intervención en Fingoi

Noticias relacionadas