O goberno de Lara Méndez traslada ao persoal municipal un Plan de Retorno ao traballo presencial no Concello

Logo de ser sometido onte á Mesa Xeral de Negociación, se prevé unha incorporación progresiva en catro fases semanais, dende o 25 de maio e ata mediados de xuño
 
O protocolo, de carácter dinámico conforme a evolución do virus, contempla estritas medidas de protección e seguridade tanto colectivas como individuais nas que se terán en conta as condicións específicas de cada servizo

Mércores, 13 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez traslada ao persoal municipal un Plan de Retorno ao traballo presencial no Concello

Garantir a actividade municipal coa total seguridade para a saúde do persoal e da poboación en xeral.

Con ese obxectivo o goberno de Lara Méndez, a través da área de Gobernanza e Recursos Humanos, vén de trasladar ao persoal municipal un Plan de Retorno ao traballo presencial no Concello no que se inclúen pautas de protección individual e colectivas que serán de obrigado cumprimento durante as vindeiras semanas co fin de evitar a propagación do coronavirus.

“A situación xerada polo covid -19 fixo necesaria a adopción de medidas de contención da pandemia, e de minoración das súas consecuencias, que agora teñen tamén o seu reflexo na elaboración deste protocolo no que se recollen os procedementos preventivos e organizativos que permitan a reincoporación gradual das e dos traballadores aos seus postos físicos”, explicou Paula Alvarellos.

A edil responsable de área referiu que se trata de “pautas de carácter extraordinario e transitorio” que se manterán ata a diminución do risco de contaxio ben pola adquisición de inmunidade comunitaria, ben pola existencia de tratamentos eficaces contra a enfermidade.

“As indicacións, que obedecen ás recomendacións do Ministerio de Sanidade, da Consellería homóloga e, ademais, están amparadas na Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais, foron adaptadas ás particularidades de cada unidade organizativa co fin de previr e dar resposta a unha posible aparición de novos casos de COVID-19”, sinalou Alvarellos Fondo.

Medidas colectivas

Así, a nova regulación contempla que o acceso ao centro de traballo se realice en horarios graduados e con flexibilidade nas entradas, de maneira que se establecerán quendas entre días e/ou mañá e tarde, con 30 minutos de diferencia entre elas, para evitar coincidir nese intervalo e sen que a xornada supere as 7 horas continuadas.

“Ademais – abondou a concelleira – se sinalizarán rutas separadas de entrada e saída aos edificios municipais e nos corredores, sempre que as súas dimensións o permitan, será imperativo circular pola dereita pegados á parede e gardando un mínimo de 2 metros con quen nos preceda. Do mesmo xeito, se é necesario, se modificarán os espazos e a colocación do mobiliario de oficina para respectar estas regras de distancia social e permanecerán fóra de servizo temporalmente os equipos de fichaxe”.

En canto ás reunións e as sesión de órganos colexiados efectuaranse preferiblemente mediante sistemas telemáticos e será obrigatorio o uso de material de traballo e de papelería diferenciado, evitando compartilo ou ben asegurando unha limpeza e desinfección exhaustiva posterior.

Uso de espazos comúns

Outras das normas inclúen o uso exclusivo dos despachos individuais polos seus titulares e, nos compartidos, o seu emprego non pode ser simultáneo. Nas bibliotecas, museos, salas de exposicións e espazos similares reducirase a 1/3 o aforo do local, e as aulas informáticas permanecerán pechadas salvo que sexa posible garantir a limpeza e desinfección dos equipos despois de cada uso.

“Igualmente, nas zonas de atención ao público colocaranse biombos entre as mesas e se establecerán aforos máximos ademais de poñer en marcha un sistema de cita previa”, engadiu Alvarellos.

Incrementarase a ventilación de todos estes lugares así como a frecuencia da limpeza en aseos, vestiarios, duchas e zonas comúns, nas que se recomenda estar o mínimo imprescindible, e a roupa da rúa debe manterse separada dos uniformes; alén, nos aparcadoiros recoméndase deixar unha praza de separación entre dous vehículos.

Medidas individuais

En canto a outras cuestións de índole persoal, debe reforzarse a hixiene en todos os ámbitos laborais para o que se porán a disposición das e dos empregados os EPIs necesarios debendo estes declarar, mediante sinatura de documento tipo, que os recibiron.

Pola súa banda, as persoas responsables de cada centro realizarán unha verificación periódica da dispoñibilidade de todos eses recursos.

Aquelas persoas que, polas súas propias características particulares ou estado biolóxico coñecido, sexan consideradas “especialmente sensibles” aos riscos derivados da exposición  ao COVID-19 deberán contactar co Servizo de Prevención municipal que procederá a avaliar o seu caso de forma individualizada para adoptar as medidas preventivas oportunas.

Reincorporación gradual en catro fases semanais

“A orde de reincorporación á actividade presencial do persoal do Concello realizarase sempre en función da evolución que siga a crise sanitaria e, baixo esa  condición, definíronse catro fases”, relata a concelleira de Gobernanza.

A primeira terá lugar o próximo 25 de maio cando, ademais do persoal declarado esencial ao inicio do Estado de Alarma que xa o viña mantendo, regresarán ao seus postos as e os xefes de servizo ou equivalente.  

A partir do 1 de xuño entrará a fase 2, na que volverán aqueles que desempeñen as súas funcións en espazos de uso exclusivo como despachos ou oficinas nas que estea garantida unha separación de 2 metros entre traballadores.

E xa o 8 de xuño comezará a fase 3, cando se incorporarán o resto de empregados daqueles departamentos nos que foi preciso realizar axustes ou obras para garantir esta distancia mínima, aínda que durante todo o proceso poderá seguir exercendo en réxime de teletraballo o persoal que teña menores ao seu cargo e se vexa afectado polo peche dos centros educativos.

A cuarta e última fase terá lugar a partir do 15 de xuño cando se procederá a avaliar a implantación da plena reincorporación, en función das normas e recomendacións sanitarias que se vaian publicando e tendo en conta a planificación que realice cada centro, departamento, servizo ou sección.

O Plan, que ten un marcado carácter dinámico e se elaborou contando co asesoramento do Servizo de Prevención de Riscos Laborais do Concello, foi sometido onte á Mesa Xeral de Negociación e aprobado por decreto da edil de Gobernanza, Paula Alvarellos.  As súas actualizacións, posibles adaptacións ou a incorporación de novos aspectos específicos para determinadas unidades e actividades serán publicadas na web muncipal www.concellodelugo.gal.

Audio

  • A edil Paula Avarellos, sobre o "Plan de Retorno ao Traballo Presencial" | Descargar mp3

Noticias relacionadas