O Goberno de Lara Méndez ten en contratación obras na cidade cunha inversión de máis de medio millón de euros

Trátase da pavimentación de viais en Castelo, da pavimentación e abastecemento en Camiño de Barreiro e Sanfiz, da reconstrucción do firme e da rede de pluviais de Salvador de Madariaga, e da renovación do Parque Aquilino Iglesias

Tamén da mellora da rede de saneamento nas rúas Sargadelos, Recatelo, Ferreiriños e na Avenida de Fontiñas

A maiores, está aprobada en Xunta de Goberno a contratación doutras dúas obras, por 389.000 euros: a rehabilitación de firme na rúa Santo Graal, na Piringalla, e a amplicación da rede de abastecemento en Saamasas

Venres, 30 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lara Méndez ten en contratación obras na cidade cunha inversión de máis de medio millón de euros. Trátase, concretamente, da pavimentación de viais en Castelo (72.594,56€) e da pavimentación e abastecemento en  Camiño de  Barreiro e Sanfiz (103.636,74€). Ambas as dúas están enmarcadas dentro do Plan Único de Cooperación cos concellos, impulsado pola Deputación e no que participa o Concello, e teñen cada unha un prazo de execución de dous meses. O prazo de presentación de ofertas para realizar estas tarefas remata o 18 e 19 de decembro, respectivamente.

Tamén está en prazo de presentación de ofertas, ata o 19 de decembro, para a reconstrucción do firme e da rede de pluviais da rúa Salvador de Madariaga, cun importe de 194.044,29 euros e un prazo de execución de 4 meses. Neste caso, o investimento é ao abeiro do Plan de Barrios, ao igual que a licitación da renovación do parque infantil da rúa Poeta Aquilino Iglesias Alvariño, cun orzamento de 58.826 euros e un prazo de 45 días naturais para a subministración, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de decembro. Renovarase o solo da área de xogos infantís, o peche perimetral e o módulo de xogos, incluíndo un circuíto de habilidades con tobogán torres, un columpio vaivén nido, unha casiña de xogos, un balancín e 3 saltadores. Tamén se trasladarán os bancos.

Así mesmo, están en contratación as tarefas de mellora da rede de saneamento nas rúas de Sargadelos, entre os números 51 e 83; na rúa Recatelo, no número 21, á altura da rúa Ribadeo, en Fontiás (entre os números 164 e 180) e na rúa Ferreiriño, na intersección coa Avenida da Coruña; con un orzamento de 98.702,80 euros e un prazo de execución de 6 semanas.

A maiores, está aprobada en Xunta de Goberno a contratación doutras dúas obras, por 389.000 euros: a rehabilitación de firme na rúa Santo Graal, na Piringalla, e a amplicación da rede de abastecemento en Saamasas; dúas obras do Plan de Barrios que contan cun orzamento de licitación de 310.000 euros e 79.000 euros respectivamente.

As tarefas en Santo Graal consisten en mellorar o firme, pois atópase cun estado superficial inadecuado con múltiples zonas de grietas e pavimento cuarteado. O prazo de execucución dos traballos será de 6 meses. No caso das Saamasas, o Concello dotará a este núcleo da rede de abastecemento municipal xa que actualmente a veciñanza da contorna ten pozos particulares; ampliando deste xeito a rede que existe nas proximidades.

O Concello publicará un anuncio de licitación no Perfil do Contratante, aloxado na Plataforma de contratación do sector público. O prazo de presentación de proposicións será de vinte días naturais contados dende dita publicación.

Con estas tarefas, o Goberno de Lugo volve apostar por facer cidaade a través dos barrios e por garantirlle á veciñanza de toda a cidade, ou ben disintos servizos que lle faciliten o seu día a día, ou ben acondicionar lugares de esparexemento na cidade.

Noticias relacionadas