O goberno de Lara Méndez retoma en maio a celebración dos Plenos e das Comisións, aínda que de xeito telemático

A sesión celebrase xa segundo o calendario habitual, polo que se convocará o último xoves do mes, día 28

A alcaldesa quere que se recupere, pouco a pouco, a normalidade e ir avanzando no desconfinamento daqueles aspectos cotiás do funcionamento do Concello

Durante o estado de alarma celebrouse un pleno extraordinario e multiplicáronse por catro as xuntanzas de portavoces cos grupos políticos

Xoves, 30 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez retoma en maio a celebración dos Plenos e das Comisións, aínda que de xeito telemático

O executivo de Lara Méndez retomará neste vindeiro mes de maio a celebración dos Plenos, das Comisións correspondentes e dos prazos para presentar propostas  segundo as quendas e horarios que rexen o normal funcionamento dos órganos de representación municipal, establecidos a principios deste mandato.

“Trátase de ir recuperando, pouco a pouco, a normalidade e de ir avanzando no desconfinamento naqueles aspectos cotiás do funcionamento do Concello que, podendo desenvolverse con tódalas garantías de seguridade, resultan prioritarios para a cidade. Non podemos esquecer que o Pleno é o máximo órgano de representación política da veciñanza lucense no goberno local e, polo tanto, sempre que sexa factible, debe favorecerse a súa continuidade”, sinala a rexedora.

O Concello celebrou xa un primeiro Pleno urxente e extraordinario neste tempo de estado de alarma, que foi posible co cambio de Lei de Bases de Réxime Local por parte do Goberno central. Tamén celebrou catro xuntas de voceiros con todos os grupos políticos municipais, cando o normal é unha ao mes, nas que a alcaldesa deu conta das distintas iniciativas deseñadas polo executivo e coas que o Concello está a ofrecer apoio económico e asistencial a toda a poboación e, especialmente, á máis afectada pola pandemia.

Coa desescalada, agora as sesión plenarias volverán ser, segundo estaba establecido, os últimos xoves de cada mes e as Comisións continúan sinaladas para a semana anterior.

Así pois, o seguinte Pleno ordinario do Concello de Lugo celebrarse o vindeiro 28 de maio de xeito telemático para poder garantir as medidas de seguridade e de protección.

Noticias relacionadas