O goberno de Lara Méndez remata, despois de 24 anos, co conflito patrimonial no que derivou a urbanización da rúa Alfredo Brañas

Miguel Couto e os propietarios das parecelas que se viron afectadas asinaban hoxe o pago da indemnización que ascende a 135.214’04€

Venres, 04 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez remata, despois de 24 anos, co conflito patrimonial no que derivou a urbanización da rúa Alfredo Brañas

24 anos despois, o executivo de Lara Méndez conseguiu poñer fin ao conflito que o Concello de Lugo mantiña cos propietarios dos terreos que quedaron sen liquidar trala reparcelación da rúa Alfredo Brañas.

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto entrevistábase hoxe cos afectados para asinar o pago da indemnización por unha problemática urbanística herdada do ano 95.

“En 1994 – lembraba o edil – o Pleno do Concello de Lugo aprobaba definitivamente o proxecto de expropiación para a urbanización da rúa Alfredo Brañas. Pero foi un ano máis tarde cando a Corporación que rexía nese momento acordou excluír do expediente, a instancias dos titulares, varias parcelas sobre as que se levantaron actas de cesión a favor da administración local, reservándolles, a cambio, o aproveitamento urbanístico na futura reparcelación da vía”.

“Sen embargo, en 2012, cando entra en vigor o actualmente vixente Plan de Xeral de Ordenación Municipal, os soares motivo do acordo pasaron a clasificarse como Sistema Xeral Viario en Solo Urbano, imposibilitando así que os seus donos puidesen exercitar os dereitos urbanísticos acordados nas actas de cesión”, abondaba Miguel Couto.

“Os afectados solicitaron entonces a reanudación do expediente de expropiación forzosa, petición que foi desestimada polo Concello ao entender que esta medida era improcedente e que a única compensación posible podía chegar, unicamente, mediante a indemnización dos danos pola vía da responsabilidade contractual. E, en febreiro de 2016, iníciase un procedemento administrativo que hoxe conclúe con esta sinatura”.

“Un acordo transcendental – valoraba o concelleiro - non só para os demandantes, aos que logo de dúas décadas de espera era de xustiza compensar, senón tamén para a institución municipal que, deste xeito, zanxa un proceso prolongado en exceso ata converterse no exemplo do que nunca se debe demorar un trámite burocrático”, lamentou Miguel Couto.

No encontro desta mañá, o responsable de Urbanismo Sostible asinaba o pago dunha indemnización fixada por sentenza xudicial de 135.214’04 para estes veciños.

Esta é a segunda reclamación patrimonial que o goberno de Lara Méndez resolve durante o seu mandato como alcaldesa de Lugo, logo de abonar, en 2016, as contías correspondentes ás expropiacións no barrio do Carme.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre o conflito patrimonial | Descargar mp3

Noticias relacionadas